Cabecera Vide

O Amfiv busca patrocinios para cadrar o orzamento e renova ao cadro técnico

O proxecto do Amfiv para a tempada 2012-2013, aínda que cun serio atraso pola difícil situación económica que fixo pensar ata na desaparición da entidade, xa está en marcha.

Despois de que o conxunto vigués anunciase oficialmente a pasada semana a súa intención de saír a competir esta campaña (undécima consecutiva), a dirección deportiva, con José Antonio Beiro, púxose ao choio para tratar de compensar o tempo perdido. E a primeira tarefa era, sen dúbida, por decidir quen ocuparía o banco do Amfiv na súa undécima tempada consecutiva na máxima categoría do baloncesto en cadeira de rodas nacional.

 

Non houbo ningún tipo de dúbidas. Todos no club olívico tiñan absolutamente claro que o primeiro movemento pasaba por selar a continuidade do corpo técnico ao completo e tratar de manter así a filosofía iniciada hai xa tres tempadas, cando se decidiu apostar por adestradores da cidade, con ampla experiencia no baloncesto a pé e moitas ganas de achegarse ao baloncesto adaptado.

Foi máis doado do esperado: Julio Bernárdez, Óscar Carbajo, Félix Muñoz e Sergio González non dubidaron un segundo e aceptaron a proposta para continuar polo menos unha campaña máis dirixindo ao Amfiv. "Para nós é un orgullo e unha satisfacción enorme que o club siga confiando neste corpo técnico", subliñan unanimemente tanto os tres adestradores como o preparador físico.

Bernárdez, como primeiro técnico, resalta que os recentes Xogos Paralímpicos, nos que dous dos seus pupilos a campaña pasada no Amfiv, David Mouriz e Bernabé Costas, acadaron un excelente quinto lugar (diploma olímpico), aumentan se cabe "a motivación e as ganas de empezar xa a traballar. O proceso de adaptación ao baloncesto en cadeira de rodas foi estupendo a nivel técnico e fenomenal a nivel humano. É un deporte complicado e, por iso, temos que afrontar con moita humildade esta segunda tempada".

O Amfiv busca agora achegas de pequenos patrocinadores para cubrir o 40 do orzamento ante a ausencia de patrocinador principal, "que ben podería ser Aldasa se finalmente decide continuar connosco unha campaña máis ou calquera outra empresa que queira apostar polo noso proxecto", asegura Chechu Beiro. "Calquera achega será benvida porque, pola contra, si que esta vai ser a última tempada do Amfiv" se non conquiren esas axudas para cadrar o orzamento.