Cabecera Vide

A recuperación do Aldasa Amfiv atopa cun xenial Tristan Knwoles

previavalladolid1O xogador australiano do Fundación Grupo Norte completou un sensacional partido (36 puntos cun incrible rexistro de 10 de 12 en tiros de campo) para liderar a vitoria pucelana (84-74) ante un conxunto vigués que mellorou as sensacións da primeira xornada pero aínda debe crecer en defensa.

Tristan Knwoles volve cruzarse no camiño do Aldasa Amfiv. Como xa acontecese na tempada 2005-06. En aquela ocasión o australiano foi o principal culpable de que os vigueses non lograsen a vitoria ante a súa afección na grande final da Copa Willy Brinkmann. A súa sensacional actuación evitou a festa ao grande en Ás Travesas. Onte, o Aldasa tropezou na mesma pedra. Os 36 puntos do internacional australiano foron unha lousa demasiado grande para o conxunto de Abraham Carrión. Porque, ademais, non houbo forma de parar a Knowles. Ao descanso, sen fallo, acumulaba xa 26 puntos. Acabou cun espectacular rexistro de 10 de 12 en tiros de campo. Era a súa tarde. Outra vez.

A xenial actuación de Knowles provocou a segunda derrota da tempada do Aldasa. Pero as sensacións son moi diferentes. Despois de caer no debut ante o Mideba, os vigueses quedaron coa sensación de que lles escapara a vitoria polos seus propios erros. En Valladolid, o Amfiv quería recuperar as sensacións da pretempada. E fíxoo. O equipo pelexou e deu a cara ante un rival que contaba cun xogador en estado de graza. Melloráronse practicamente todos os aspectos que fallaran ante o Mideba. Pero aínda queda un no que Abraham Carrión terá que insistir nas próximas semanas: A defensa.

Porque o Aldasa pode presumir novamente de contar coa achega ofensiva de ata sete xogadores e, ademais, nesta ocasión tres deles mesmo superaron os dez puntos -David Mouriz (15), Agustín Alejos (14) e Lorenzo Envó (28)-. Non obstante, os vigueses encaixaron tamén demasiados puntos, algo que non agrada o máis mínimo ao seu técnico. Igualmente é certo que a imposibilidade de frear un inspiradísimo Knowles complicaba notablemente as tarefas defensivas dos pupilos de Abraham Carrión. A tarde case perfecta do australiano obrigaba a prestarlle unha atención especial, circunstancia que os seus compañeiros, sobre todo Highcok (20 Puntos) e José Luis Álvarez (17), aproveitaron para castigar o aro do Amfiv.

Malia todo, o partido se mantivo completamente equilibrado durante a primeira parte. Ao finalizar os primeiros dez minutos, a renda do Fundación Grupo Norte era mínima (19-17), ao igual que ao intermedio a pesar de que Knowles contaba xa con 26 puntos na súa cuadrícula (39-37). O momento clave do partido chegou no terceiro período, instante no que os pucelanos aproveitaron un par de imprecisións dos vigueses para abrir unha mínima brecha no marcador (64-58, min.30). O equipo local, que esta tempada aspira a pelexar polo título co Fundosa Once e o Once Andalucía, soubo xestionar moi ben a súa vantaxe durante os últimos dez minutos e aproveitar os nervios do Aldasa por intentar a remontada para non pasar apuros nos instantes finais e conseguir o triunfo (84-74).

FICHA TÉCNICA
FUNDACIÓN GRUPO NORTE: Highcok (20), Jonatan Soria (-), Tristan Knowles (36), Michael Persson (-), Zavala (7) -cinco inicial-, Cabreiro (-), Carballos (4) e José Luis Álvarez (17).
ALDASA AMFIV: Bernabé Costas (4), Moncho Pombo (-), David Mouriz (15), Agustín Alejos (14), Lorenzo Envó (28) -cinco inicial-, Xullo Vilas (-), Santi Comesaña (-), Najib Essahiri (3), Vicky Alonso (2), Lalo (8) e Leo Tahti (-).
PARCIAIS: 19-17, 39-37 (descanso), 64-58 e 84-74 (final)
ÁRBITROS: Samuel Esquerdo e Anxo Veiga. Eliminaron por cinco faltas o xogador local José Luis Álvarez e o do Aldasa Moncho Pombo.
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á segunda xornada da División de Honra de Baloncesto en Cadeira de Rodas disputado no Pavillón Piar Fernández Valderrama de Valladolid.