O Amfiv de Óscar Carbajo asina un sensacional partido e gaña ao EMSV Getafe

Imprimir

O conxunto vigués afrontaba esta cita da décimo terceira xornada na División de Honra con moitas incógnitas. As catro derrotas nos últimos cinco partidos convertían o choque na cancha do EMSV Getafe en vital para non se descolgar da loita polos primeiros postos.

Ademais, o Amfiv chegaba a este partido despois dunha complicada semana, con Julio Vilas aínda recuperándose da gripe que lle impediu adestrar ata o xoves, sen Bernabé Costas que, enfermo, non puido viaxar co resto do equipo e coa estrea de Óscar Carbajo como primeiro adestrador substituíndo a Julio Bernárdez. Por se todo isto non fóra suficiente, enfronte estaba o potencial ofensivo do EMSV Getafe, encabezado polo incombustible Joshua Turek e o internacional iraniano, ex do Amfiv, Morteza Gharibloo. Non obstante, os vigueses sobrepuxéronse a todos estes inconvenientes e asinaron un dos seus mellores partidos da tempada tanto en defensa coma en ataque. Outra vez todos os xogadores que saltaron á pista achegaron o seu granito de area para conseguir a vitoria en forma de puntos e a solidariedade e o traballo de equipo foron básicos para romper a mala sorte e conseguir un triunfo vital para devolver a ilusión ao Amfiv.

Que os vigueses ían pelexar por lograr a vitoria quedou claro dende o asubío inicial. O parcial inicial de 0-14 non deixaba lugar á máis mínima dúbida. Unha gran defensa e un ataque coral, liderado por dous triplos de Lorenzo Envó, collían desprevido o EMSV Getafe. Pero a calidade e recursos dos madrileños en ataque é impresionante e, pouco a pouco, foron meténdose no partido (15-22, min.10). O grande traballo defensivo minimizaba na medida do posible a achega de Turek, que aínda así rematou con 35 puntos. Proba diso é que en toda a primeira metade os locais non conseguiron nin unha soa canastra nin de contragolpe nin dentro da zona viguesa.

Non obstante, a renda inicial do Amfiv era xa historia e o EMSV Getafe estaba metido de novo no partido (33-36, min.17), aínda que un bo final de cuarto do conxunto de Óscar Carbajo lle permitía marchar ao descanso cun interesante colchón (37-45, min. 20).

O intermedio non lle sentou nada ben aos vigueses, que regresaron á pista cun parcial de7-0. O tempo morto solicitado polo técnico do Amfiv cortou a sangría (44-45) pero o choque pasaba agora a un intercambio de golpes no que os madrileños se poñían por primeira vez por diante no electrónico (54-53, min. 26). Era o momento do iraniano Morteza Gharibloo, que aproveitou á perfección a especial vixilancia que a defensa viguesa prestaba ao seu compañeiro Turek para conseguir 14 puntos neste cuarto. Da súa man, o EMSV Getafe conseguía mesmo abrir unha mínima brecha (65-61), que dous postremeiros tiros libres pechaban antes de iniciarse o último cuarto (65-63, min. 30).

O encontro mantiña unha dinámica de máxima igualdade ata o minuto 36 (75-71). Dende aí e ata a conclusión do choque, o Amfiv só permitiu aos locais anotar 6 puntos e, pola súa banda, conseguiu 16 para levar a vitoria. Fíxoo, ademais, con varias canastras case sobre a bucina de final de posesión que desesperaron aos getafeños. Os triplos de Envó e os contragolpes de Vilas e Mouriz tiveron o seu contrapunto na actuación dun soberbio Dominik Mosler, que non só anotou se non que asistiu ben os seus compañeiros, especialmente a Jose Teijido. Así, o equilibrio entre xogo interior e exterior dificultaba muchísimo o traballo á defensa do EMSV Getafe.

Malia todo, o partido non se decidiu ata o último minuto (79-81). Unha canastra de Mosler e un tiro libre anotado por Envó daban máis aire ao Amfiv (79-84), que vía como os locais non baixaban os brazos (81-84). Afortunadamente, a Mouriz non lle tremeu o pulso para anotar dous tiros libres máis a falta de menos de 20 segundos e evitar posibles sustos (81-86). Xa só houbo tempo para que Vilas redondease, tamén dende a persoal o reencontro coa vitoria do Amfiv (81-87).

EMSV GETAFE - AMFIV 81-87
EMSV GETAFE: Joshua Turek (35), Martin Ryan (6), Mingo (-), Morteza (28), Philipp (6) -cinco inicial-, Serapio (-), Silvela (6) e Berzal (-).
AMFIV: Julio Vilas (20), Santi Comesaña (2), Dominik Mosler (14), Lorenzo Envó (21), David Mouriz (16) -cinco inicial-, Jose Teijido (4), Vicky Alonso (2) e Txema Avendaño (8).
PARCIAIS: 15-22, 37-45 (descanso), 65-63 e 81-87 (final)
ÁRBITROS: J.I. Valero (Alicante) e J.L. de Agustín (Madrid). Eliminaron por cinco faltas persoais os xogadores do EMSV Getafe Martin e Phillip.
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á décimo terceira xornada da División de Honra de Baloncesto en cadeira de rodas disputado no Pavillón Outeiro Buenavista de Getafe.