Cabecera Vide

O técnico vigués César Iglesias volve a facerse cargo do banco do Amfiv

cesarO Amfiv xa ten adestrador. César Iglesias regresa ao equipo que xa dirixiu na tempada 2010-2011 e que tivo que deixar ao comezo da tempada 2011-2012 por unha irresistible oferta do COB Ourense. Iglesias, que actualmente atopaba sen equipo profesional e adestraba a un infantil B do Celta Bosco, incorporarase de inmediato ao Amfiv.

En principio, o acordo será só ata final da presente campaña aínda que a intención de ambas as dúas partes é a de dar continuidade a este ilusionante proxecto. Unicamente unha mareante oferta dalgún equipo profesional de baloncesto a pé podería variar a situación. "Despois da marcha de Julio Bernárdez, a nosa primeira opción era que Óscar Carbajo se convertese en primeiro adestrador e buscar alguén para exercer de segundo. Non obstante, as obrigas de Óscar co Club Salesianos impedíanlle aceptar esta fórmula co que tivemos que variar a formulación. Carbajo ía continuar como segundo pero debiamos buscar un responsable para o corpo técnico. O ideal era atopar alguén que xa coñecese o baloncesto en cadeira de rodas para non pagar de novo a peaxe da adaptación do técnico ás peculiaridades deste deporte, especialmente agora que só quedan dous meses para rematar la tempada. Ademais, a nosa intención era empezar xa a sentar as bases de cara á próxima campaña", explica o director deportivo do Amfiv, José Antonio Beiro, quen subliña que "manexabamos varios nomes, entre eles o de César Iglesias".

O máximo responsable do conxunto vigués na parcela deportiva ten claros os motivos que inclinaron finalmente a balanza en favor de César. "A súa tempada foi moi positiva a pesar de que os resultados non acompañaron na primeira volta. Unha vez que se pasou o período de acoplamento obvio, o equipo empezou a xogar moi ben. Quedounos moita pena cando non puido seguir connosco pero sempre deixamos a porta aberta. Agora xurdiu esta posibilidade, formulámosllo e dende o primeiro momento César mostrouse disposto a colaborar na forma na que considerásemos necesario", destaca Beiro.

De momento, o acordo será só ata o final da campaña pero a vontade de ambas as dúas partes é prorrogar a vinculación. "En verán sentaremos con el a avaliar as posibilidades. Sabemos que se aparece unha oferta irresistible dun club de baloncesto a pé, teremos que dicir de novo ata pronto a César. Pero temos a súa palabra de que se sucede algo así, contaremos con tempo abondo para manobrar. Unha vez que se comprometa a seguir, podemos estar seguros de que así será e que non nos vai deixar tirados", puntualiza o director deportivo do Amfiv.

Pola súa banda, César Iglesias mostrouse "contento de poder axudar no que estea na miña man. Tiña ganas de volver competir profesionalmente e a verdade é que a miña experiencia no baloncesto en cadeira de rodas foi moi positiva e enriquecedora. Cando me formularon a opción de volver, non tiven dúbidas posto que agora non estaba a adestrar profesionalmente e podía compatibilizar perfectamente isto con dirixir o infantil B do Celta Bosco. O único que había que aclarar era que sucedería a próxima tempada. Dende o inicio da nosa relación na tempada 2010-2011, tanto o club como eu fomos moi claros nas nosas formulacións. Eu estou moi a gusto no Amfiv e a miña intención é seguir aquí pero son un adestrador profesional e se xorde unha opción irrechazable, sei que o club non me porá ningún problema. De tódolos xeitos, eles tamén saben que se iso pasase, sería en verán e terían tempo de sobra para atopar unha solución. Ademais, que Óscar Carbajo e Sergio González sigan no club achega unha importantísima estabilidade ao corpo técnico e unha continuidade ao traballo realizado estes últimos anos".