Cabecera Vide

O Amfiv mostra a súa madureza para gañar en Bilbao e dar caza ao Mideba na segunda praza

AMFIV-BILBAOO desprazamento do conxunto vigués a terras vascas para afrontar esta décimo quinta xornada presentábase como unha boa pero complicada posibilidade para relanzar as opcións do Amfiv de pelexar pola segunda posición na táboa clasificatoria.

Por un lado, o conxunto de César Iglesias tiña que superar na súa pista ao Lagun Aro Bilbao BSR, que na primeira volta en Bouzas xa puxo contra as cordas aos olívicos, e polo outro, esperar o resultado do choque entre o Mideba Badajoz e o Fundación Grupo Norte.

E cumpríronse as dúas premisas. O Amfiv venceu en Bilbao nun encontro con dúas partes ben diferenzas e os pucelanos derrotaron aos extremeños, co que os vigueses igualan na táboa ao Mideba, aínda que estes conservan a segunda praza ao ter gañado o basket average ao equipo de César Iglesias.

Iso si, a vitoria viguesa en cancha vasca non foi nada doada. Os afeccionados que se deron cita en Txurdinaga puideron presenciar un partido con dúas partes moi distintas. Na primeira, o choque foi intenso, cun xogo rápido, agresivo e con moitas transicións. Tras o descanso, en boa medida debido ao cambio de criterio arbitral, sinalando agora múltiples faltas que antes eran só simples contactos, o encontro baixou moitísimo de ritmo polas constantes interrupcións.

O Lagun Aro empezou marcando no marcador pero a alegría duroulle pouco aos pupilos do ex adestrador do Amfiv Javier Sandomingo "Sando", posto que pouco tardou o Amfiv en poñerse por diante no electrónico aínda que con diferenzas moi curtas de apenas dous ou catro puntos. O bo facer no lanzamento exterior de Mouriz ante a pechada defensa local permitía aos vigueses pechar en positivo este primeiro cuarto (12-15, min.10).

O choque continuaba cunha dinámica parecida no segundo período, con moitas transicións e intercambio de golpes. Así, o Lagun Aro Bilbao chegou a poñer de novo por diante (20-19, min.16) pero a súa última incorporación, o iraniano Ahmadi, foise ao banco por problemas de faltas e o Amfiv aproveitou a circunstancia para encadear un parcial de 0-10 que colocaba o marcador en 20-29 e permitía aos visitantes marchar ao intermedio cunha interesante renda (22-31, min.20).

Pero ao regreso dos vestiarios, o partido foi outro xa totalmente distinto. Os árbitros empezaron a sinalar multitude de faltas e algúns pasos máis que dubidosos, co que o encontro se parou. Os tiros libres e as interrupcións cambiaron o ritmo. Da velocidade anterior que interesaba ao Amfiv pasouse a un xogo máis lento e pausado, como prefire o Lagun Aro. Por iso, pouco a pouco os bilbaínos empezaron a recortar a súa desvantaxe ata pechar o terceiro cuarto con todas as súas opcións intactas (40-44, min.30).

Deste modo, chegouse a uns dez minutos finais bastante tensos, nos que os visitantes tiveron sempre o dominio do marcador cunha diferenza que oscilaba entre os dous e os seis puntos. Esa galla supoñía que os bilbaínos non rematasen de botar a toalla pero o acerto de Berni e a achega de Avendaño deu o equilibrio necesario ao Amfiv, que volvía despregar o seu xogo habitual, movendo o balón e coa orde perdida no terceiro período. E foi ese bo balance entre o acerto exterior e os balóns interiores o que permitiu ao conxunto de César Iglesias manter a renda e conseguir unha importante vitoria sen pasar apuros nos instantes finais (55-62).

LAGUN ARO BILBAO BSR - AMFIV  55-62
LAGUN ARO BILBAO BSR: Álex Mendiluce (-), Peter Dries (4), Alireza Ahmadi (11), Asier García (17), Jorge Lerga (8) -cinco inicial-, López (-), Dani Díaz (13), Enaut De Ángel (-), Rubén Viso (2) e Centeno (-).
AMFIV: Julio Vilas (4), Santi Comesaña (2), Dominik Mosler (1), Lorenzo Envó (10), David Mouriz (17) -cinco inicial-, Bernabé Costas (16), Jose Teijido (-), Vicky Alonso (-) e Txema Avendaño (12).
PARCIAIS: 12-15, 22-31 (descanso), 40-44 e 55-62 (final).
ÁRBITROS: Verde e Rubí. Eliminaron por cinco faltas persoais ao local Asier García.
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á décimo quinta xornada da División de Honra de Baloncesto en cadeira de rodas disputado no Pavillón de Txurdinaga en Bilbao.