O Amfiv cumpre, gaña en Málaga e pecha unha grande tempada coa terceira praza

Imprimir

As contas do conxunto vigués eran claras pero case se produce unha incrible e impensable carambola. Unha vitoria en Málaga ante o Clínica Rincón Amivel permitía ao Amfiv igualar a súa mellor clasificación na historia e rematar a tempada na terceira posición.

A segunda parecía inalcanzable posto que ninguén esperaba que o Mideba puidese tropezar na súa propia casa ante un Caja Vital Zuzenak xa descendido e que non gañara ningún encontro en toda a campaña. Pero os extremeños protagonizaron a campanada da tempada ao caer derrotados fronte aos vitorianos (56-58), co que se habería un novo mundo de posibilidades porque o conxunto de César Iglesias cumpriu coa súa parte (45-59) e o Fundación Grupo Norte tamén ante o Lagun Aro Bilbao (76-46). Desafortunadamente, o milagre non se completou, o EMSV Getafe caeu na pista do campión, o Fundosa Once (75-68), e non se produciu o impensable cuádruplo empate que outorgase ao Amfiv o subcampionato ligueiro. Ao final, o grande vencedor da xornada foi o Fundación Grupo Norte, que no triplo empate ascende á segunda praza, cos vigueses terceiros e o Mideba, o grande derrotado desta última xornada, cuarto.

O conxunto de César Iglesias sabía que tiña que gañar en Málaga para ser terceiro e así fíxoo. A posterior derrota do Mideba abriu a porta a un subcampionato ligueiro que necesitaba practicamente dous milagres. Zuzenak obrou o primeiro pero o EMSV Getafe non foi capaz de conseguir o segundo. Mentres, o Amfiv fixera o seu traballo nun encontro que dominou de principio a fin e no que sempre foi por diante no marcador, aínda que con vantaxes exiguas, grazas ao equilibrio entre a achega dos seus xogadores interiores e exteriores.

Os técnicos do conxunto vigués optaron por formular unha defensa en zona sen premer que se lle atragoou aos malagueños, pouco acertados nos seus lanzamentos. De feito, en varias ocasións consumiron mesmo a posesión sen chegar se queira a lanzar. Ademais, o dominio do rebote permitía aos visitantes correr co que a mínima renda ao finalizar o primeiro cuarto (14-15, min.10) se estirou (20-27, min.14) aínda que Vargas, o home que máis perigo creou á defensa do Amfiv, volveu reducila ao descanso (28-33, min.20).

O partido continuouse con catro puntos máis do Clínica Rincón Amivel que levaban o encontro a un novo decorado (32-33, min.22) pero o conxunto de César Iglesias reaccionou da mellor forma posible, cun parcial de 0-9 para volver poñer as cousas no seu sitio (32-42, min.28). Non obstante, os malagueños aproveitaron unha lixeira relaxación dos vigueses para engancharse de novo ao partido de cara aos dez minutos finais (38-42, min.30).

Unha relaxación que desapareceu totalmente no último período. O Amfiv volveu correr, a aplicarse duro en defensa, provocando malos tiros dos locais, e dun incerto 42-44 pasouse ao 44-53 (min.38) que pechaba xa o partido convertendo os dous últimos minutos nun trámite (45-59).

CLÍNICA RINCÓN AMIVEL – AMFIV 45-59
CLÍNICA RINCÓN AMIVEL: Leo Pekka Tahti (-), Jesús Romero (4), Vargas (14), Álvaro Mora (6), Ruiz (-) –cinco inicial-, Lakniz (5), Henares (2), Comenaggi (-), Israel (4), De Sousa (8), Trujillo (2) e López (-).
AMFIV: Julio Vilas (5), Jose Teijido (-), Dominik Mosler (15), Lorenzo Envó (13), David Mouriz (14) –cinco inicial-, Bernabé Costas (6), Santi Comesaña (-), Vicky Alonso (3) e Txema Avendaño (3).
PARCIAIS: 14-15, 28-33 (descanso), 38-42 e 45-59 (final)
ÁRBITROS: Ranera e Solorzano. Sen eliminados.
INCIDENCIAS: Encuentro correspondente á décimo oitava e última xornada na División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas disputado en Vélez (Málaga).