Cabecera Vide

O Amfiv presentou o II Torneo 3x3 de Baloncesto Integral e o 'I Clinic de Baloncesto adaptado'

amfiv_presentacion_xuoO pavillón de Bouzas acollerá esta fin de semana a festa do baloncesto integral organizada por segundo ano consecutivo polo club vigués Amfiv de baloncesto en cadeira de rodas, en colaboración coa Deputación de Pontevedra. A novidade nesta edición será o 'I Clinic de Baloncesto Adaptado, que terá lugar o sábado, de dez da mañá ata as dúas de la tarde.

O técnico do Amfiv Sergio González comentou que se explicarán as diferenzas e similitudes do baloncesto en cadeira de rodas dende o punto de vista dun adestrador, dun árbitro e dos propios xogadores. A idea é achegar aos afeccionados esta disciplina, na que o Amfiv ocupa unha posición de privilexio no panorama nacional e internacional.

O árbitro internacional Jorge González destacou os "enormes parecidos" entre o baloncesto en cadeira de rodas e o baloncesto integral e fíxoo cun exemplo gráfico: "en realidade as cadeiras e as rodas son as pernas e os pés, esa é a diferenza, nada máis".

Tanto a deputada Marta Iglesias como os voceiros da federación galega de baloncesto eloxiaron o grande traballo do club vigués Amfiv. A deputada provincial recordou que se trata dun equipo situado na división de honra, dentro da segunda mellor liga do mundo.

Nacho Cabaleiro, responsable da organización, relatou a experiencia positiva do primeiro torneo 3 x 3 e advertiu que este ano está xa garantida a participación de catro equipos de infantil (ata 14 anos) e 8 senior (máis de 14 anos).

O 'II Torneo 3 x 3' disputarase o domingo, de dez da mañá a oito da tarde, coa coñecida modalidade de xogar en dúas partes, unha delas a pé e outra en cadeira de rodas.

A festa baloncestística organizada por Amfiv forma parte do interese do club por achegar o baloncesto a pé e o adaptado, para trasladar ao público a idea de que un e outro poden ser igual de espectaculares. A maioría de adestradores do baloncesto en cadeira de rodas proceden do baloncesto a pé.