Cabecera Vide

Julio Vilas e Vicky Alonso tamén seguirán unha tempada máis no Amfiv

amfiv_vilasO equipo do Amfiv para a tempada 2013-2014 empeza a tomar forma. O pasado luns coñecíase a renovación de Alberto Abalde e Santi Comesaña, dous xogadores que suman entre ambos os dous case trinta campañas defendendo a camiseta viguesa. Unha cifra á que aínda non chegan pero se achegan tamén bastante os outros dous xogadores que acaban de selar a súa continuidade no club polo menos outra tempada máis: Julio Vilas e Vicky Alonso.

Formados na canteira do Amfiv, Vicky desenvolveu toda a súa carreira no conxunto olívico mentres que Vilas regresou  Vigo fai xa catro tempadas tras unha paréntese de dúas campañas en Barcelona e outras tantas en Burgos. A renovación de ambos os dous permite á dirección deportiva, encabezada por José Antonio Beiro, dar un novo paso adiante na súa intención de asegurar a continuidade do maior número posible de integrantes do equipo que a tempada pasada levou ao Amfiv a lograr un terceiro posto na División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas e na Copa do Rei, toda vez que xa se coñece que David Mouriz, fichado por Bilbao BSR, e Dominik Mosler, que a próxima tempada xogará no Meaux francés, non seguirán en Vigo.

"Para nós é moi importante que os xogadores da casa sigan confiando e apostando polo noso proxecto, que é o seu. No caso de Vicky e Julio fainos especial ilusión posto que son dous xogadores saídos da nosa canteira e que agora son pezas importantes no primeiro equipo. Eles son o espello no que se fixan os novos xogadores que están a empezar nas nosas escolas deportivas como Nico ou Uxía. Son o seu modelo a seguir e, por iso, para o Amfiv é tan importante que os dous decidiran seguir connosco unha tempada máis", explica o director deportivo do Amfiv.

José Antonio Beiro, ademais, expón as razóns deportivas que, obviamente, tamén acompañan a estas renovacións. "Vicky é un excelente tirador e unha das mellores xogadoras de baloncesto en cadeira de rodas en Europa, referente indiscutible da selección nacional feminina, e está máis que acostumada a xogar con homes. Julio, pola súa banda, é un xogador que vai a máis cada ano. Acaba de finalizar unha excelente tempada e esperamos que a próxima campaña dea un novo paso adiante na súa progresión. Cada vez fai máis cousas e fainas mellor", subliña o máximo responsable deportivo do conxunto vigués.

Vilas agradece os halagos e a confianza que o Amfiv deposita nel. "É un orgullo seguir defendendo a camiseta do meu equipo, o club no que formei e que mo deu todo neste deporte. Por iso, na renovación non houbo moito que dicir nin que falar. Era máis unha cuestión de saber se o Amfiv ía seguir e se querían que continuase. Pola miña parte, saben que nunca hai excesivos problemas porque son consciente da situación económica xeral e especialmente a do club", comenta o xogador de Sabarís.

Agora xa pensa só no inicio dos adestramentos. "Afronto esta nova tempada con moita ilusión e con ganas de seguir mellorando. Vou adestrar aínda máis duro en cada adestramento para que os adestradores confíen en min e a miña participación no equipo continúe crecendo", desexa Julio Vilas.


VICKY, COA SELECCIÓN

A recén renovada xogadora do Amfiv desprazarase esta mesma fin de semana a terras británicas para disputar en Londres ante a selección de Gran Bretaña el National Paralympic Day, un torneo que servirá para recordar e conmemorar os Xogos de Londres 2012. Aproveitando o desprazamento, o combinado de José Miguel López xogará outros dous encontros amigables contra as británicas, un o venres ás 19.00 horas e outro o sábado ás 11.00 horas.