Cabecera Vide

O Amfiv pecha o capítulo de renovacións coa continuidade do olímpico Berni Costas

berniCésar Iglesias contou, finalmente, con nove xogadores para o traballo de pretempada que iniciou, onte, no Pavillón de Bouzas. Ás renovacións anunciadas nos últimos días de Santi Comesaña, Alberto Abalde, Xullo Vilas, Vicky Alonso, Txema Avendaño e Lorenzo Envó, unidas á presenza no primeiro equipo dos canteranos Samuel Rodríguez e Luismi, hai que engadir a de Bernabé Costas, co que o Amfiv consegue manter practicamente intacto o bloque de nacionais que tan bo papel realizou a pasada campaña.

Costas, formado nas escolas deportivas do conxunto vigués e olímpico nos pasados Xogos de Londres 2012, foi o último en concretar a súa continuidade no Amfiv, nunha das negociacións máis complicadas ás que tivo que facer fronte este verán José Antonio Beiro, máximo responsable deportivo da entidade. "A renovación de Berni supón para nós unha inmensa alegría posto que sabiamos que ía ser moi complicada. Trátase dun xogador internacional, que estivo a representar a España nos Xogos de Londres e que ten moitísima calidade. Por iso, tivo sobre a mesa importantes ofertas, coas que nós non podiamos competir economicamente. Afortunadamente, Berni ten un cariño especial cara ao Amfiv, o club da súa cidade, no que se formou como xogador e onde desenvolveu a maior parte da súa carreira deportiva, e iso pesou máis que o diñeiro", explica Beiro.

O propio basee internacional de Vincios recoñece este punto. "Por sorte, ofertas sempre hai pero a verdade é que tiña pensado seguir. Había opcións interesantes pero para min sempre primou continuar no Amfiv, onde dende o primeiro día que cheguei me trataron moi ben. Agora, a situación está complicada economicamente no club e toca apertarse o cinto. Ademais, ao non seguir David Mouriz tampouco podía deixar ao equipo coxo", subliña Costas.

Precisamente, a marcha a Bilbao do seu xa ex compañeiro e olímpico tamén en Londres foi outro dos factores valorados por Berni. "Coa saída de David, é posible que teña máis minutos e iso é importante posto que a próxima tempada se xoga o Mundial en Korea", apunta o xogador clase 2,5, quen engade que "non creo que isto supoño que eu deba asumir máis protagonismo. O protagonismo debe ser de todos, do grupo. Se o equipo xoga en conxunto, como o ano pasado, podemos facer boas cousas. E creo que é posible posto que o bloque vai ser case o mesmo. Afortunadamente puídose manter á práctica totalidade de xogadores nacionais. A marcha de David, como é lóxico, vaise notar. Fixo unha gran tempada, tivo ofertas moi boas, decidiu marchar e hai que respectalo pero o Amfiv sempre se caracterizou por tirar para adiante aínda que sexa contracorrente e estar aí arriba".

Iso si, Berni espera mostrar a súa mellor versión esta campaña para axudar ao Amfiv a conseguir os seus obxectivos e, de paso, para tratar de regresar á selección tras perderse o recente Campionato de Europa. "A tempada pasada foi complicada a nivel persoal porque non estiven moi centrado no tema deportivo por problemas persoais e iso se notou e quedei fóra do Europeo. Por iso, quero dar o máximo para o equipo para ver se así podo volver a estar na preselección e alí esforzarme tamén ao máximo para poder ir ao Mundial de Korea, finaliza Costas.