O portugués Filipe Carneiro, primeira fichaxe do novo Amfiv

Imprimir

amfiv_filipe_carneiroUnha vez pechado o capítulo de renovacións, coa continuidade do corpo técnico ao completo e a práctica totalidade do equipo que tan bo papel realizou a pasada campaña logrando o terceiro posto en Liga e Copa, a dirección deportiva do Amfiv, encabezada por José Antonio Beiro, puxo a traballar na busca dun par de xogadores para encher os ocos deixados por Dominik Mosler e David Mouriz e apuntalar o equipo.

E a primeira noticia non tardou moito en chegar posto que o conxunto vigués acaba de pechar a incorporación do portugués Filipe Carneiro, un novo e prometedor xogador clase 1 ao que o Amfiv viña seguindo dende fai xa tempo.

"O certo é que Filipe nos chamara a atención xa hai un par de tempadas en varios partidos amigables que xogamos ante o seu equipo e a campaña pasada mesmo chegamos a falar con el. Pero decidiu quedar no APD Braga por fidelidade ao seu club e para continuar cos seus estudios. Agora, despois de gañar a Liga e a Copa portuguesa, volvemos continuar os contactos e conseguimos convencelo ao saber tamén que poderá seguir estudando igualmente na Universidade de Vigo", apunta o máximo responsable deportivo do Amfiv, quen subliña que "é un xogador moi interesante porque é moi novo, cumprirá 22 anos en decembro, pero ten un físico privilexiado, cóidase moito e a súa progresión estes últimos anos está a ser brutal. Na Liga portuguesa xa era un dos xogadores máis destacados a pesar de ser un punto baixo, un clase 1. Cremos que é unha clara aposta de presente pero cun futuro aínda máis prometedor se cabe. Ten que traballar algúns aspectos do seu xogo pero, sen dúbida, vai ser un reforzo importante para nós. Ademais, contamos coa vantaxe de que aquí en Vigo está moi preto da súa familia, apenas a unha hora en coche, algo que Filipe tivo moi en conta á hora de aceptar a nosa proposta. Iso e que na Universidade de Vigo terá a oportunidade de continuar cos estudios que estaba a cursar en Portugal".

José Antonio Beiro espera que a adaptación do base-escolta luso, que se incorporará practicamente de inmediato ao traballo de pretempada do Amfiv, sexa rápido. "Nese aspecto non creo que teña ningún problema. Fisicamente está como unha moto e non lle vai custar coller o ritmo do resto dos seus compañeiros a pesar de empezar un pouco máis tarde. Si que vai ter que esforzarse un pouco máis nos temas tácticos porque aí é onde o resto do grupo lle leva moita vantaxe posto que eles levan xa dúas tempadas traballando os mesmos conceptos co mesmo corpo técnico. Ademais, terá que afacerse a un ritmo de xogo diferente posto que a Liga española e a portuguesa son totalmente distintas. Vén a unha das competicións máis fortes de Europa e é posible que note o cambio", destaca.

Pola súa banda, Filipe Carneiro móstrase ansioso por empezar xa a adestrarse co seu novo equipo e explica os motivos que lle levaron a aceptar esta campaña a proposta viguesa. "A tempada pasada cando o Amfiv falou comigo decidín non aceptar porque había un proxecto moi interesante no APD Braga, o meu club de sempre, e, ademais, estaba a rematar o curso na escola. Agora, despois dunha tempada magnífica na que gañamos a Liga e a Copa, empezo a Universidade e creo que era un bo momento para iniciar outra etapa na miña vida e na miña carreira deportiva, afrontar un novo reto", puntualiza.

"Vou a un campionato moito máis forte e competitivo que o portugués, a un equipo contra o que xa xoguei en varios ocasións e se que é un bo club. Vai ser unha grande experiencia para min porque vou poder aprender moito dos meus novos compañeiros e adestradores. Espero que esta etapa en Vigo me sirva para mellorar bastante tanto física como deportivamente", desexa Filipe, quen non desexa esquecer o que foi o seu equipo durante as últimas cinco tempadas. "O APD Braga foi a miña primeira casa e estou moi agradecido a todo o mundo no club, adestrador, directivos e xogadores por todos estes anos, e en especial a Joao Correira, que tamén foi técnico do APD Braga e que tantos apoios conseguiu para o equipo e para min e que tanta confianza ten nas miñas posibilidades", finaliza o xogador de Vila Nova de Famaliçao.