As perdas de balón, un lastre demasiado pesado para un Amfiv sen rodaxe

Imprimir

O Amfiv ten aínda moito traballo por diante. A pretempada con só un partido de entidade ante o Fundación Grupo Norte ante a falta de presuposto para disputar máis amigables pasou factura no debut ligueiro do conxunto de César Iglesias, que aínda ten que coller ritmo de competición e minutos sobre a pista dos seus xogadores.

Se a iso se lle engade que para a estrea da campaña o técnico vigués non puido contar co olímpico Bernabé Costas, recuperándose dunha operación nun pé, nin con Txema Avendaño en plenitude de condicións tras estar xoves e venres cun virus e febre, enténdese bastante mellor a derrota ante un equipo que, por se fose pouco, fichou moito e moi ben no seu regreso á máxima categoría nacional do baloncesto en cadeira de rodas. Malia todo, o Amfiv tivo opcións de pelexar o partido e mesmo opcións de estrearse con vitoria, pero os múltiples erros propios e as incontables perdas de balón, moitas delas en momentos decisivos do encontro, foron un lastre demasiado pesado.

A ausencia de Costas limitaba tamén bastante a posibilidade de rotacións a disposición de César Iglesias, a pesar de que a composición do equipo permite tantas opcións que ese factor non resultou fundamental no choque. Iso si, a baixa do capitán, que recén saído do hospital estivo no banco apoiando o seu equipo, notouse moito na pista. O primeiro cuarto, cos dous equipos intentando premer a saída de balón do rival, empezou a dar mostras de cál ía ser o verdadeiro problema do Amfiv: as perdas. As imprecisións nos pases foron unha constante durante os corenta minutos permitindo ao Amiab respirar cando os vigueses amagaban con despegar no marcador (17-12, min. 8).

Unha tendencia que se acentuou no segundo período (27-23, min. 16) e que mesmo permitiu aos albaceteños pechar o cuarto cun parcial de 0-6 para marchar ao descanso en vantaxe (32-35, min. 20).

No intermedio, o Pavillón de Bouzas sufriu un pequeno apagamento de luces, o mesmo que tivo o Amfiv ao continuarse o encontro. O conxunto de César Iglesias tardaron en entrar de novo no encontro e cando se quixo dar conta, o Amiab, que soubo explotar moi ben as continuacións dos seus puntos baixos con Maki e Mineral xeniais nas asistencias, xa abrira un oco que rematou sendo decisivo (33-41, min.23).

Porque os locais se achegaron no marcador unha vez (37-41, min. 24), outra (42-43, min. 27) e ata unha terceira (46-49, min. 29). Pero de novo as perdas de balón nos momentos menos oportunos evitar a remontada e permitiron aos visitantes pechar o cuarto cunha renda curta pero interesante (46-52).

Unha diferenza que se converteu en definitiva co parcial de 0-6 de inicio do último período, unha vez máis tras unha serie de balóns perdidos polo Amfiv. Un triplo de Envó cortou a sangría (49-58, min. 33) pero quedaba moito por remar. Como é costume, por corazón non foi. Os pupilos de César Iglesias intentárono ata o final e ameazaron con darlle emoción á recta final do partido poñéndose a só seis puntos e roubando o balón a menos de un minuto (60-66, min. 39). Pero tras un mal ataque, o intento forzado de tres de Envó non entrou e aí rematouse o partido. O Amiab marchaba de Bouzas coa primeira vitoria da tempada.

AMFIV - AMIAB   61-68
AMFIV: Xullo Vilas (11), Vicky Alonso (6), Samuel Rodríguez (-), Agustín Alejos (9), Lorenzo Envó (20) -cinco inicial-, Santi Comesaña (2), Txema Avendaño (4), Filipe Carneiro (-) e Nick Radovich (9).
AMIAB: Harry Brown (1), Mingo (4), Jaap Smid (2), Israel Sánchez (8), Roberto Mena (15) -cinco inicial-, Wayne Boardman (2), Maki (8), Sergio Martínez (16), Luis Cristen (12) e Pablo Rosendo (-)
PARCIAIS: 19-18, 32-35 (descanso), 46-52 e 61-68 (final).
ÁRBITROS: Verde e Marqués. Sen eliminados.
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á primeira xornada do Grupo 2 da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas disputado no Pavillón de Bouzas ante a presenza de aproximadamente 150 espectadores.