O Amfiv cumpre sen brillo para lograr a súa primeira vitoria desta tempada

Imprimir

O Amfiv, nun partido estraño, logrou o seu primeiro triunfo da tempada en Vitoria facendo bos os prognósticos que daban aos vigueses como claros favoritos ante o Caja Vital Zuzenak. A pesar da importantísima ausencia do seu capitán, Bernabé Costas, e de non contar tampouco co seu primeiro adestrador, César Iglesias, os vigueses, cos que debutou o xogador procedente da súa escola Luismi González xogando todo un cuarto, apertaron dende o inicio para, pouco a pouco, ir incrementando a súa renda ata o contundente 38-61 final.

Precisamente, pode que o máis positivo do encontro para os xogadores dirixidos nesta ocasión por Óscar Carbajo foron os primeiro cinco ou seis minutos. O Amfiv entrou ben no partido, moi serio e disposto a deixar as cousas claras dende o inicio aos locais. Así, moi pronto conseguiu unha renda xa interesante (9-17, min.9). Non obstante, o Caja Vital Zuzenak mostrouse como un rival incómodo, cunha defensa moi pechada para obrigar o seu rival a recorrer ao lanzamento exterior. En ataque, todo o protagonismo era para Aner García, que acumulaba a práctica totalidade dos lanzamentos.

Por iso, aos vigueses custoulles moitísimo ter continuidade. Os vitorianos desexaban un partido a un tenteo baixo e os xogadores de Óscar Carbajo non atopaban a fórmula para superar a pechada defensa do Zuzenak e entrar con facilidade. Deste modo, o lanzamento exterior converteuse na clave do choque e, aí, o Amfiv viviu de momentos nos que entraron os tiros e outras nos que non o fixeron. Malia todo, a diferenza continuaba incrementándose lenta pero inexorablemente (17-32, min.20).

A dinámica non variou en absoluto tras o descanso. Os vitorianos, a pesar do adverso resultado, continuaban desbordando loita e entrega ante un Amfiv ao que, por momentos, lle faltou intensidade. Non obstante, os fulgores de Alejos e Envó, dos máis entoados no conxunto vigués, aos que se uniu nesta segunda parte Radovich tras un inicio de choque dubitativo, foron máis que suficientes para rematar o terceiro período xa con todo decidido (27-46, min.30), convertendo o último cuarto nun mero trámite para chegar ao 38-61 final.

CAJA VITAL ZUZENAK - AMFIV 38-61
CAJA VITAL ZUZENAK: Gandía (4), Aner García (19), Míguez (-), Urteaga (-), Ruiz de Apodaka (11) -cinco inicial-, Domínguez (-), Pérez (-) e Sánchez (4).
AMFIV: Julio Vilas (9), Vicky Alonso (4), Samuel Rodríguez (-), Agustín Alejos (20), Lorenzo Envó (10) -cinco inicial-, Santi Comesaña (-), Luismi (-), Txema Avendaño (6), Filipe Carneiro (-) e Nick Radovich (12).
PARCIAIS: 11-17, 17-32 (descanso), 27-46 e 38-61 (final)
ÁRBITROS: V. Carneiro e J.M. Uruñuela. Sen eliminados.
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á segunda xornada do Grupo 2 da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas.