Cabecera Vide

O Amfiv aperta en defensa na segunda parte e logra unha vitoria importante

amfiv_amivelO Amfiv segue avanzando na dirección correcta. As boas sensacións deixadas no debut ante o Amiab non se traduciron nunha vitoria. O triunfo si chegou o pasado sábado na cancha do CaiJa Vital Zuzenak. Pero quedaba confirmar a melloría nun partido complicado, no que unha derrota podía complicar moito o futuro dos vigueses neste igualadísimo Grupo 2 da División de Honra e no que había que saber xogar con esa presión.

Ademais, en fronte estaba un Clínica Amivel que, a pesar da ausencia por lesión da súa fichaxe estrela, Diego de Paz, segue tendo un equipo moi veloz e cun temible xogo interior. A primeira parte respondeu a ese guión, con mínimas rendas e todo por decidir na segunda metade. Aí foi cando o Amfiv apertou en defensa para aproveitar o cansazo dun conxunto malagueño que premeu todo o encontro e acabou notándoo nos brazos dos seus xogadores á hora de tirar. Mentres, César Iglesias, a pesar da limitación que supón a baixa de Bernabé Costas, dispuxo sobre a pista múltiples combinacións e todas responderon. Porque o Amfiv este sábado foi un equipo, con todos os xogadores achegando cousas positivas e sumando para conseguir unha vitoria moi importante.

Os primeiros vinte minutos, non obstante, foron unha historia moi distinta. Os centímetros de Mora e, sobre todo, Vargas complicaron moito a vida aos locais, así como a velocidade do ex xogador vigués Leo Pekka Tahti e o internacional Jesús Romero. Pero o Amfiv tamén mostraba as súas cartas, con Envó dirixindo, Alejos sumando sempre e un activo Julio Vilas demostrando que esta campaña llo porá difícil ao seleccionador nacional Óscar Trigo precisamente ante Romeiro, un xogador da súa mesma clase e co que, probablemente, teña que xogar un oco na lista para o Mundial. Pero non foron os únicos. Txema Avendaño, Vicky Alonso e Nick Radovich achegaban máis motivos de preocupación para o Clínica Rincón Amivel.

Malia todo, os malagueños salvaban con nota o primeiro cuarto (15-14, min.10) e mesmo obrigaron a César Iglesias a solicitar un tempo morto no segundo (21-26, min.17). O minuto de reflexión veulle moi ben aos vigueses que marcharon ao descanso xa en vantaxe tras un parcial de 7-0 iniciado con triplo de Envó e finalizado con dous tiros libres de Avendaño (28-26, min.30).

A inercia positiva do Amfiv mantívose ao volver dos vestiarios ante un equipo malagueño ao que empezaba a pasarlle factura o enorme esforzo físico de premer todo o partido. Entre Vilas e Alejos encargáronse de dotar de máis consistencia á brecha local (36-27, min.25) e aínda que os visitantes amagaron con reaccionar (38-31, min.27), eles mesmos, apoiados cunha canastra de Samuel Rodríguez, se encargaron de deixar o choque ben encarrilado con outro parcial de 8-0 case para pechar o cuarto (46-31, min.29).

Quedaba rematar a faena, non botar por terra todo o logrado nese bo terceiro período. Axudaron os múltiples erros nos lanzamentos do Clínica Rincón Amivel, que non anotou a súa primeira canastra do último cuarto ata que xa ían transcorridos seis minutos. Para entón, o Amfiv xa encadeara outro parcial de 6-0 e tiña a vitoria no peto (54-33, min.26), co que os últimos minutos se converteron nun trámite ata chegar ao 60-37 final.

AMFIV - CLÍNICA RINCÓN AMIVEL 60-37
AMFIV: Julio Vilas (14), Vicky Alonso (6), Samuel Rodríguez (3), Agustín Alejos (17), Lorenzo Envó (10) -cinco inicial-, Santi Comesaña (-), Txema Avendaño (6), Filipe Carneiro (-), Nick Radovich (4) e Alberto Abalde (-).
CLÍNICA RINCÓN AMIVEL: Leo Pekka Tahti (12), Mora (3), Francis Sánchez (-), Jesús Romero (5), Vargas (15) -cinco inicial-, Henares (-), Ruiz (-), Laknie (2) e Trujillo (-).
PARCIAIS: 15-14, 28-26 (descanso), 48-33 e 60-37 (final).
ÁRBITROS: Rubí e Mulet. Sen eliminados.
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á terceira xornada do Grupo 2 da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas disputado no Pavillón de Bouzas ante a presenza de aproximadamente 350 espectadores. No descanso do choque, da Provincial de Deportes, Begoña Estévez, fixo entrega ao Amfiv de dúas bicicletas adaptadas (hand bikes) e de material deportivo para as escolas deportivas do conxunto vigués.