Catro xogadores e técnicos da escola do Amfiv participan en Cáceres no Campionato de España Escolar

Imprimir

uxiaNicolás Muñoz Moreno, Uxía Chamorro García, Ángel Teixeira Landín e Brais González Jorge forman parte da expedición da selección galega de baloncesto en cadeira de rodas que onte xoves saiu rumbo a Cáceres para participar no Campionato de España Escolar por autonomías que se desenvolve nesta cidade ata o próximo 6 de xaneiro conxuntamente co Campionato de España Cadete masculino e feminino de baloncesto a pé.

Os catro xogadores da escola deportiva do Amfiv están acompañados polos seus técnicos, Natxo Cabaleiro, Lucía Rivas e Pablo Alonso, e por o xogador do primeiro equipo, Santi Comesaña, completando o combinado autonómico Manuel Lorenzo e Javier Carballeira, do Basketmi ferrolano, e Carmen Abella, que compite coa selección galega ao non tomar parte Asturias nesta cita. José Val, adestrador do primeiro equipo ferrolano, completa o grupo de técnicos que dirixen a Galicia nesta cita.

nicoAs seis seleccións que competirán neste Campionato de España Escolar de baloncesto en cadeira de rodas foron divididas en dous grupos, quedando encadrada Galicia xunto aos potentes combinados de Cataluña e Madrid. Precisamente, os galegos debutarán hoxe venres 3 de xaneiro, ás 15.30 horas contra os cataláns, disputando o seu segundo partido o sábado día 4 ás 11.30 horas ante os madrileños. O obxectivo da novísima selección galega, cunha media de apenas 13 anos nunha cita na que se enfrontarán a xogadores de ata 18 anos, é gozar dunha inesquecible experiencia, a primeira desta característica para os integrantes da escola deportiva do Amfiv. Os resultados serán o de menos ante rivais que terán nas súas filas a xogadores que gozan xa de minutos na División de Honra B e mesmo na máxima categoría nacional.

En Cáceres está tamén outro integrante da familia do Amfiv, o adestrador do primeiro equipo, César Iglesias, aínda que nesta ocasión a súa presenza se deba á súa condición de seleccionador galego cadete masculino ade baloncesto a pé. A coincidencia de horarios nalgunhas das xornadas complicará a posibilidade de que Iglesias acuda a animar aos novos talentos do baloncesto en cadeira de rodas autonómico pero se as súas outras obrigas llo permiten, o preparador vigués xa anunciou a súa intención de achegarse a vivir en directo os partidos.