Cabecera Vide

A selección galega de baloncesto en cadeira de rodas volve a casa co sexto posto e un millón de sorrisos

amfivA expedición galega de baloncesto en cadeira de rodas, pechou a súa participación no Campionato de España Escolar que se celebrou en Cáceres dende o pasado 2 de xaneiro sen poder probar o doce sabor da vitoria, pero contenta por cumprir con creces o obxectivo que todos os integrantes se marcaran para esta cita: gozar ao máximo da experiencia.

O novísimo equipo autonómico, completado coa presenza de ana Carmen Abella, perdeu os tres encontros oficiais que disputou e "empatou" o amigable disputado ante o campión do ano pasado, o combinado de Aragón, nun divertidísimo partido no que o marcador foi o de menos e o público se divertiu tanto ou máis que os propios xogadores.

Na primeira xornada, Galicia, unha selección na que os catro integrantes do Amfiv -Brais González, Uxía Chamorro, Ángel Teixeira e Nicolás Muñoz- disputaban o seu primeiro partido oficial, plantou cara ata o descanso a Cataluña pero ao final os cataláns, moito máis experimentados fixéronse coa vitoria (22-35).

A segunda xornada deparou un dobre compromiso para os galegos. Pola mañá viron as caras con Madrid e a presión a toda pista dende o inicio dos capitalinos pasou factura (45-17). A derrota foi o de menos porque os xogadores non perdían o sorriso tras a chegada a Cáceres da xogadora do primeiro equipo do Amfiv, Vicky Alonso, para animalos e unirse ao corpo técnico integrado por Natxo Cabaleiro, Pablo Alonso, Lucía Rivas e José Val.

Pola tarde chegou o momento máis divertido do torneo, un encontro amigable entre Galicia e Aragón no que os xogadores de ambos os dous equipos llo pasaron en grande, sen os nervios polo resultado e gozando verdadeiramente do encontro. Pero non só eles os afeccionados que se achegaron ao pavillón a presenciar o enfrontamento tamén puideron ver accións de moito mérito e, sobre todo, rirse cos novísimos xogadores que non teñen forzas aínda para chegar á canastra pero poñen todo o seu empeño en defender e atacar como os maiores. O ficticio empate a 39 que reflectiu o marcador final deixou contentos a todos e foi a mellor culminación posible a un partido que todos recordarán posiblemente máis que calquera outro do campionato.

A participación galega neste Campionato de España Escolar pechouse coa disputa do encontro polo quinto e sexto posto ante Castilla e León. As horas previas ao partido non deixaban boas noticias. Carmen Abella perdíase o choque por unha escordadura no seu boneco produto dunha caída no enfrontamento ante Madrid e o cansazo empezaba a causar efecto entre o resto de xogadores, todos con diversas molestias. Así, con só seis xogadores, Galicia intentou volver á casa polo menos cun triunfo e durante moitos minutos tívoo na súa man. Pero as expulsións por cinco faltas persoais do ferrolano Manuel Lorenzo e de Brais González deixaron a Galicia con só catro xogadores en pista para os minutos decisivos. Malia todo, Uxía Chamorro (11 anos), Nico Muñoz (12), Ángel Teixeira (13) e Javi Carballeira (15) aguantaron o tipo e mesmo tiveron opcións de lograr lla vitoria. Ao final non puido ser e os casteláns aproveitaron a súa superioridade numérica (28-23).

As bágoas pola decepción deixaron rapidamente paso ás habituais risas da expedición galega antes de subir no autocar para volver a casa e pasar xa a noite de Reis en familia. Todos os novos xogadores coincidían ao sinalar como Brais González e Ángel Teixeira que nolo pasamos moi ben. A experiencia foi incrible". O coruñés Javi Carballeira, pola súa banda, engadía que "foi parecido ao ano pasado cando viñemos xunto cos rapaces de Asturias. A nosa intención era pasárnolo ben, divertirnos e conseguímolo. Se se puidese gañar algún partido, mellor pero iso era o máis importante".