Agustín Alejos abandona o Amfiv para marchar a vivir a Australia

Imprimir

agusEra unha noticia que podía producirse en calquera momento aínda que as circunstancias invitaban o optimismo e o propio xogador anunciara ao club hai algunhas semanas a súa intención de quedar ata o final de la tempada. Non obstante, a enfermidade da avoa da súa parella en Australia precipitou os acontecementos e Agustín Alejos xa está camiño de Brisbane tras coller este mesmo luns un avión en Peinador.

O xogador vigués disputou o pasado sábado ante o Fundosa o último encontro co equipo no que se iniciou no baloncesto en cadeira de rodas e co que logrou dous subcampionatos de e agora empeza unha nova etapa na súa vida, na que o deporte pasará a un segundo plano. Alejos marcha coa "satisfacción de axudar ao club a conseguir os obxectivos que se marcara. Primeiro, a permanencia unha tempada máis na División de Honra e clasificarnos para xogar a Fase polo Título. E logo, como premio engadido, o billete para xogar a Copa do Rei en Málaga. Quédame un pouco de pena por non poder estar nesta recta final da tempada e, sobre todo, por non disputar o torneo do K.O. pero as circunstancias obrigáronme a tomar esta decisión. Creo que é importante estar ao lado da miña parella nestes momentos. Sentía que así debía ser e por iso decidín marchar a pesar de non ter aínda o permiso de residencia".

"Estou moi agradecido ao Amfiv, a todos os seus xogadores, ao corpo técnico, ao presidente e aos amigos do club, por darme a oportunidade de meterme neste mundo que me abriu moitas portas. Deséxolles a mellor da fortuna no que queda de tempada, na Copa do Rei e no futuro porque o merecen", despídese Agustín Alejos, quen insiste en que "a miña idea é establecerme en Australia e quedar a vivir alí. A miña noiva -a xogadora de baloncesto en cadeira de rodas Shelley Cronau- é australiana e eu vou intentar atopar un traballo. Inicio unha nova etapa na miña vida na que o deporte pasará a un segundo plano".

Para iso terá que solucionar os problemas que aínda ten co visado de residencia e que permitiron que disputase estes meses a División de Honra co conxunto vigués. "É un tema que aínda non está solucionado e polo que, en principio, ía quedar aínda aquí. Agora vou cun visado de turista e intentarei conseguir alí o permiso de residencia definitivo. Levo xa tempo cos trámites e espero solucionar todo pronto", resalta Alejos, que non ten pensado volver nun futuro próximo a Europa. "Nos próximos anos non creo pero máis adiante, cando xa estea plenamente establecido e coa miña vida organizada en Australia, pode que volva. Xa se verá", sinala.

Dende o club presidido por Pablo Beiro comprenden perfectamente a decisión adoptada polo xogador vigués e agradecen profundamente a franqueza mostrada en todo momento por Agustín Alejos. "Dende o primeiro día sabiamos que isto podía suceder. Cando a final do pasado verán se abriu esta posibilidade, Agustín deixounos claro que se comprometía a quedar ata o final da primeira fase e que despois, cando conseguise o visado de residencia, marcharía. A pena é que nos fixeramos ilusións porque aínda non o lograra e el mesmo nos comentara que, como xa só quedaban dous meses de competición, posiblemente quedaría ata final de la tempada. Non obstante, entendemos e respectamos que queira estar ao lado de Shelley nestes momentos e só nos queda darlle as grazas unha vez máis por axudarnos durante este tempo e desexarlle o mellor nesta nova aventura que emprende na súa vida porque o merece. Non fai falta dicirlle que cando queira regresar o esperamos cos brazos abertos porque Agustín sabe perfectamente que esta é a súa casa", destaca o director deportivo do Amfiv, José Antonio Beiro.

Pola súa banda, César Iglesias, técnico do equipo vigués, subliña que "a marcha de Agustín Alejos vai ser unha baixa vital para o noso futuro, que obrigará outros xogadores que estaban a ter menos protagonismo a asumilo. Nós só podemos agradecerlle o seu traballo e o compromiso mostrado co equipo. Desexámoslle o mellor no seu futuro e sabe que ten as portas abertas para regresar cando queira".