Cabecera Vide

O Fundosa aproveita a falta de intensidade do Amfiv na primeira parte para sentenciar ao descanso

amfiv_marzo_2014Era un partido moi complicado ante un rival que está varios chanzos por enriba do resto dos conxuntos da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas, como demostra o feito de que dende a pasada xornada o Fundosa Once xa é campión e sen ceder ningún partido. É máis, á inmensa maioría dos seus rivais os borrou da pista.

O Amfiv era plenamente consciente desta circunstancia e, de forma semellante a como acontecera no encontro disputado en Bouzas, notouse demasiado sobre a pista. Polo menos nos dous primeiros cuartos do encontro, nos que aos vigueses lles faltou intensidade en defensa e unha maior agresividade para tratar de plantar cara a un conxunto madrileño cun equipo de auténtico luxo. Tras a charla do descanso, a imaxe ofrecida polos xogadores de César Iglesias foi xa outra, gañando mesmo o terceiro parcial, no que lograron máis puntos que en toda a primeira parte (17-20). Malia todo, a renda concedida era xa demasiado ampla e o campión invicto non se deixou sorprender.

Os dez minutos iniciais deixaron bastante que desexar por parte viguesa, especialmente os catro últimos. Porque tras un comezo sen tensión que levara o marcador xa a un preocupante 11-1 no minuto 6, unha canastra e un triplo parecían espertar ao Amfiv. Nada máis lonxe de la realidade. O parcial ata concluír o cuarto foi demoledor. 17-0 cun Fundosa aproveitando a pasividade defensiva dos pupilos de César Iglesias, con moitos problemas no balance e permitindo unha e outra vez que os seus rivais chegasen debaixo do aro sen apenas oposición.

Co partido xa encarrilado (28-6), os madrileños empezaron a rotar aos seus xogadores. Aínda que a calidade e amplitude do seu equipo provoca que non haxa excesivas diferenzas, os cambios si que deron un pequeno respiro aos vigueses ao frear un pouco a produción ofensiva dos locais. Malia todo, a intensidade defensiva do Amfiv continuaba sendo nula ou polo menos moi escasa e, ademais, en ataque o conxunto de César Iglesias sufría moito para atopar tiros claros. Por iso, pouco sorprendía o 45-17 que reflectía o marcador ao descanso.

Nese intermedio, o técnico vigués recordou os seus xogadores que acudiran a Madrid a facer algo máis que acto de presenza e a arenga surtiu o efecto esperado. En apenas seis minutos, o Amfiv xa igualara a produción ofensiva de toda a primeira parte e obrigaba ao Fundosa a solicitar un tempo morto e recompoñerse para evitar males maiores (51-34, min.26). O encontro era xa outro. Os vigueses apertaban atrás e en ataque comezaban a plasmar no campo o que realizan nos adestramentos. Así, lograron mesmo que o parcial deste período caese do seu lado (62-37, min.30).

Quedaban aínda dez minutos para que os xogadores de César Iglesias volvesen á casa polo menos con boas sensacións despois da súa pésima primeira parte. A remontada era xa tarefa imposible pero, polo menos, mantiveron a boa tónica do terceiro cuarto e conseguiron evitar que o Fundosa Once continuase furgando en ela ferida. Deste modo, o último período converteuse nun intercambio de canastras para levar o marcador ao 80-51 final.

FUNDOSA ONCE - AMFIV  80-51
FUNDOSA ONCE: Dani Rodríguez (3), Pablo Zarzuela (4), Bill Latham (11), Rafa Muiño (2), Petr Tucek (22) -cinco inicial-, Carlos Vera (2), Javi Gómez (2), Alejandro Zarzuela (16), Terry Bywater (14) e Almudena Montiel (4).
AMFIV: Julio Vilas (1), Berni Costas (8), Filipe Carneiro, Lorenzo Envó (24), Txema Avendaño (8) -cinco inicial-, Santi Comesaña, Samuel Rodríguez, Vicky Alonso (4) e Nick Radovich (6).
PARCIAIS: 28-6, 45-17 (descanso), 62-37 e 80-51 (final).
ÁRBITROS: Solorzano e Valero. Eliminaron por cinco faltas persoais ao xogador do Amfiv Lorenzo Envó.
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á sexta xornada da Fase polo Título da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas.