Cabecera Vide

O Amfiv despídese da súa afección cun triunfo para optar ao quinto posto e coller moral para a Copa

amfiv_marzo_2014O Amfiv pechou a tempada 2013-2014 cunha importante vitoria ante o Mideba Extremadura, que chegaba  Vigo como segundo clasificado nesta Fase polo Título. Un triunfo que os vigueses dedicaron ao recentemente falecido José González Freire, director-xerente de Aldasa, ex patrocinador do club, e que lles permite ter na súa man rematar a campaña nunha brillante quinta praza se a última xornada vencen a domicilio ao Getafe.

Ademais, o bo partido realizado polo conxunto de César Iglesias serve igualmente como inxección de moral de cara á disputa a próxima fin de semana en Málaga da Copa do Rei. Ao sensacional partido de Lorenzo Envó, que quedou a un solo rebote do tripla-dobre con 20 puntos, 11 asistencias e 9 rebotes, uniuse tamén a boa actuación de Txema Avendaño (24 puntos e 11 rebotes) e Julio Vilas (14 puntos e 6 rebotes) para deixar en nada unha nova exhibición do máximo anotador da División de Honra e grande referente do Mideba, o mexicano Salvador Zavala, autor de 32 puntos. Porque Envó, Avendaño e Vilas acapararon o protagonismo en ataque pero todo o conxunto local, con mención especial neste capítulo para o portugués Filipe Carneiro, brillou en defensa, obrigando os visitantes a realizar un gran desgaste en cada ataque para superar a súa presión, un esforzo que acabaron pagando no último cuarto.

Os primeiros dez minutos confirmaron que, a pesar de chegar a Bouzas coa importante ausencia do arxentino Carlos Alberte Esteche por atoparse coa súa selección disputando os Parasudamericanos, o Mideba ía ser un rival moi complicado. Os extremeños, despois de non lograr a súa clasificación para a Copa do Rei na primeira fase, están a mostrar o seu mellor nivel nesta loita polo título como confirma a segunda praza que ocupaban antes de iniciarse esta xornada. Liderados, como non, por Zavala, os visitantes lograron superar os seus problemas iniciais coa presión do Amfiv para pechar o primeiro parcial tal e como se iniciou o partido (16-16).

Ao comezo do segundo cuarto, o conxunto de César Iglesias engancharon un parcial de 9-2 para abrir a súa primeira renda no marcador (25-18, min.14). Pero os vigueses non remataban de romper o encontro e o Mideba aferrábase ao partido (27-24, min.16), empatándoo pouco despois (29-29, min.18). Non obstante, un triplo de Envó iniciaba un novo arreón dos locais para marchar ao intermedio de novo en vantaxe (36-31, min.20).

A dinámica mantívose ao regreso dos vestiarios. O Amfiv abría ocos (40-31, min.22; 46-39, min.27) que os visitantes continuaban tapando (51-46, min.30). Pero para conseguilo tiñan que suar do lindo para superar a boa defensa presionante dos vigueses. E esa acumulación de traballo empezaba a notarse ao comezo do último cuarto. Un triplo máis adicional de Envó colocaba a renda do Amfiv á fin por enriba dos dez puntos (59-48, min.33). O Mideba aínda tivo forzas para porfiar unha vez máis (59-52, min.34) antes de que os locais asestasen o golpe definitivo ao partido (71-55, min.38) para vivir con tranquilidade os últimos instantes e pechar a súa tempada na casa cun sorriso e a sonora ovación da súa afección.

AMFIV - MIDEBA EXTREMADURA  73-62
AMFIV: Julio Vilas (14), Berni Costas (6), Filipe Carnero (-), Lorenzo Envó (20), Txema Avendaño (24) -cinco inicial-, Samuel Rodríguez (-), Vicky Alonso (-) e Nick Radovich (9).
MIDEBA EXTREMADURA: José Manuel Conde (-), Demetrio González (3), Hugo Lourenço (4), Cano (12), Salvador Zavala (32) -cinco inicial-, Eusebio Fernández (5), José Manuel Calderón (4) e Pedro Bartolo (2).
PARCIAIS: 16-16, 36-31 (descanso), 51-46 e 73-62 (final).
ÁRBITROS: De Agustín e Reis. Sen eliminados.
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á sétima xornada do Grupo 2 da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas disputado no Pavillón de Bouzas. Gardouse un minuto de silencio antes do comezo do choque en recordo do director-xerente de Aldasa, José González Freire, recentemente falecido.

 Fotografía de Jorge González Marqués.