Concello de Vigo    

Cabeceira Vide

O Amfiv puxo este sábado un brillantísimo punto e final a unha excelente tempada, que conclúe xusto cando o conxunto de César Iglesias atopábase no seu mellor momento. Porque só sete días despois de conquistar outra vez un máis que meritorio terceiro posto na Copa do Rei, os vigueses visitaron na última xornada liguera a cancha do CID Casa Murcia Getafe, flamante subcampión do torneo do K.O., impoñéndose aos madrileños para arrebatarlles de paso a quinta posición final na táboa clasificatoria.

Un quinto lugar en Liga e un terceiro posto na Copa que saben a gloria para un Amfiv que campaña tras campaña a vai obrigado a reducir o seu presuposto e, a pesar de todo, continúa competindo de ti a ti e mesmo superando rivais cun potencial económico moito maior.

A vitoria nesta última xornada ante o CID Casa Murcia Getafe foi traballada. Moito. Os pupilos de César Iglesias amagaron en varias ocasións con romper un partido que se lles complicou en exceso no momento menos oportuno posto que os madrileños só estiveron por diante nunha ocasión nos 40 minutos de encontro. Foi co 60-59 a pouco máis dun minuto para la conclusión. Pero o Amfiv reaccionou do mellor xeito posible, cun parcial de 0-6 que certificaba o seu triunfo e a quinta praza na táboa.

O inicio de partido dos visitantes invitaba e moito ao optimismo. O conxunto de César Iglesias saíra á pista disposto a rematar co partido pola vía rápida e no minuto 2 xa gañaba por un contundente 0-7. Non obstante, o CID Casa Murcia espertou  tempo e pouco a pouco foise metendo no partido. Iso si, os vigueses seguían ameazando con rompelo (10-17, min.9) aínda que os erros propios e o acerto do polaco Bandura o impedían (14-17, min.10).

Unha dinámica que se mantivo intacta no segundo período. O Amfiv estiraba o marcador para que, deseguido, o equipo local reducise de novo as distancias. Así ata que se chegou ao intermedio nun dos momentos álxidos para os vigueses (28-34, min.20).

O descanso serviu para que Abraham Carrión aclarase as ideas dos seus xogadores. Bandura, o referente ofensivo madrileño, empezou a atopar posicións de tiro máis cómodas e a achega dos suízos Amecher e Hafeli tamén subiu varios enteiros. Malia todo, o Amfiv se resistía deixar desaparecer a súa vantaxe (44-49, min.28; 46-51, min.30).

Os dez minutos decisivos foron máis trabados, cos árbitros sinalizando multitude de faltas e escaso ritmo de xogo. Aínda así, a iniciativa continuaba sendo para o Amfiv, que parecía ter a situación controlada e o encontro encarrilado (52-58, min.35) pero un despiste no momento menos oportuno abriu a porta ao CID Casa Murcia. Cun parcial de 8-1, os getafeños lograron poñerse por primeira vez por diante no marcador aproveitando un pequeno baixón físico e a precipitación en ataque dos vigueses (60-59, min.39).

Afortunadamente, o conxunto de César Iglesias souberon recapacitar para non tirar pola borda todo o bo traballo anterior e unha canastra de Vilas tras unha boa asistencia de Envó, outra cesta de Lorenzo e unha máis de Julio pecharon o encontro (60-65, min.40). Xa unicamente quedaba tempo para un último e desesperado intento de forzar a prórroga cun triplo de campo a campo tras outros dous puntos de Ryan Martin e dous tiros libres errados por Txema Avendaño.

GETAFE - AMFIV  62-65
GETAFE: Amacher (12), Bandura (24), Ryan Martin (8), Fran Lara (4), Phillip Hafeli (9) -cinco inicial-, Daniel Serapio (2), Carlos Medina (4) e Mingo (-).
AMFIV: Julio Vilas (17), Berni Costas (6), Filipe Carneiro (-), Lorenzo Envó (16), Txema Avendaño (22) -cinco inicial-, Santi Comesaña (-), Samuel Rodríguez (-) e Vicky Alonso (4).
PARCIAIS: 14-17, 28-34 (Descanso), 46-51 e 62-65 (final).
ÁRBITROS: Forero e Valero. Sen eliminados.
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á oitava xornada da Fase polo Título da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas disputado no Pavillón Cerro de Buena Vista de Getafe.