Concello de Vigo    

Cabeceira Vide

amfiv_polacoA campaña de promoción do deporte en xeral e do baloncesto en cadeira de rodas en particular que o Amfiv realiza ao longo da tempada, non concluíu a pesar de que o conxunto vigués si que finalizou xa a súa campaña na División de Honra, onde volveu realizar un gran papel ao conseguir a quinta praza.

As múltiples solicitudes de centros educativos de Vigo e a súa área de influencia provocou que os encontros cos escolares continúen durante todo este mes de maio, achegando un pouco máis este deporte aos novos estudantes e cumprindo cunha das premisas básicas dende o nacemento do club: buscar a integración do minusválido a través do deporte.

Nesta ocasión, a visita non só transcendeu as fronteiras locais senón que mesmo superou as nacionais porque un grupo de 40 alumnos polacos do colexio Koszalin Gimnasjum da cidade de Koszalin, que atopan na nosa cidade durante toda esta semana froito dun programa de intercambio internacional no que participa o Colexio Labor, non se quixo perder a oportunidade de vivir en primeira persoa esta experiencia. Acompañados polos seus anfitrions vigueses, que xa puideron gozar hai dous anos desta mesma actividade, os novos polacos pasaron unha entretida mañá con catro integrantes do primeiro equipo do Amfiv: Santi Comesaña, Julio Vilas, Txema Avendaño e Filipe Carneiro. Despois dunhas breves nocións sobre o club, o deporte para minusválidos e o baloncesto en cadeira de rodas, os alumnos do Koszalin Gimnasjum experimentaron en primeira persoa a dificultade de moverse nunha cadeira de rodas e a complicación que supón, ademais, xogar ao baloncesto dende ela.