Cabecera Vide

As Hand Bikes chegan a Bouzas da man do Amfiv e Garaxe Pedais

amfivA Alameda de Bouzas acolleu na tarde de onte a presentación ante os medios de comunicación do acordo de colaboración alcanzado entre o Club Amfiv e Garaje Pedales que permitirá aos alumnos das escolas do conxunto vigués, a calquera persoa con minusvalidez e mesmo a aqueles curiosos que queiran probar a experiencia gozar da posibilidade de utilizar unha bicicleta adaptada, as cada vez máis populares hand bikes.

O acto contou coa presenza do xerente e director deportivo do Amfiv, José Antonio Beiro, e do responsable da empresa Garaje Pedales, Nino Gándara, que estiveron acompañados por dous dos mozos da escola do Amfiv, Nicolás Muñoz e Luis Gayo, os primeiros afortunados en probar as hand bikes.

José Antonio Beiro explicou os termos do acordo. "O club decidiu fai xa varios meses, grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra, comprar dous hand bikes para brindar outra opción de ocio e de práctica deportiva aos integrantes da familia do Amfiv. A nosa idea inicial era que estivesen no Pavillón de Bouzas para así podelas utilizar con seguridade no incomparable marco que ofrece o paseo. Non obstante, o feito de que o pavillón deportivo non abra habitualmente as fins de semana supoñía unha tremenda limitación para que os rapaces puidesen utilizala. Por iso, cando apareceu a opción de colaborar con Garage Pedales e que as bicicletas estivesen nas súas instalacións para poder facer uso delas, non nolo pensamos nin un segundo. Ademais, queremos resaltar a total predisposición dende o primeiro instante, dende o mesmo instante no que se decataron da situación, de Nino e a súa xente. Entenderon perfectamente e comparten tamén que non buscamos lucrarnos con esta actividade, que será gratuíta para os membros da nosa escola e terá un custo simbólico de 3 euros a hora para o resto. Porque todo o diñeiro que se recade irá destinado a apoiar á iniciativa Discamino, dirixida por Javier Pitillas, que axuda a rapaces con algún tipo de minusvalidez a poder realizar o Camiño de Santiago", subliñou o dirixente do Amfiv.

Pola súa parte, Nino Gándara, responsable de Garaje Pedales, resaltou que "para nós supón un orgullo poder axudar e colaborar no que estea na nosa man e dar un servizo máis á xente. Esperamos que a iniciativa sexa un rotundo éxito, que poidamos recadar moito diñeiro para a xente de Discamino porque o merecen e que nun futuro nos vexamos obrigados a contar con máis hand bikes para atender a demanda".