O Amfiv renova a Lorenzo Envó

Imprimir

envoO Amfiv conta xa os días para iniciar o traballo de pretempada e despois de anunciar hai escasos días a continuidade do seu corpo técnico e a incorporación de Joan Domínguez como responsable da preparación física, este venres chegou a primeira renovación dun xogador. "Evidentemente, tiñamos que empezar por Lorenzo Envó xa que a pasada tempada foi a nosa auténtica referencia e despois de tantas tempadas aquí é xa un símbolo máis do Amfiv. 

Ademais, polas súas características, sería un xogador moi difícil de substituír e custaríanos moito atopar alguén que achegue todo o que el nos dá", resalta José Antonio Beiro, máximo responsable deportivo do conxunto vigués.

As negociacións foron moito máis rápidas e sinxelas do que se podería supoñer. "Lorenzo non entrou nin sequera a valorar outras posibles ofertas que puidese ter. É plenamente consciente do club no que está, das nosas limitacións presupostarias e da situación económica na que nos atopamos e todo foi facilidades pola súa parte para alcanzar un acordo", agradece Beiro, quen incide en que "esa mesma predisposición nola estamos a atopar co resto dos xogadores cos que empezamos a falar así que son bastante optimista ao respecto da posibilidade de manter o bloque que tan bos resultados nos está a dar as últimas campañas".

Envó, pola súa banda, tamén recoñece que "valoro moito o esforzo que fai o club para que poida seguir aquí e espero que esta próxima tempada poida dar mesmo máis de min mesmo e axudar ao equipo a mellorar a súa clasificación. Os xogadores temos que entender a situación na que estamos. Non só somos nós os que temos que apertarnos o cinto. Hai moita xente que o está a pasar realmente mal e nós non podemos estar á marxe desa situación".

Tras converterse no primeiro xogador do novo proxecto do Amfiv, Lorenzo espera que pronto se concreten máis renovacións. "É importante que o equipo nestes últimos anos sufriu poucos cambios, tanto no banco coma no equipo, a pesar das dificultades e limitacións económicas que ten que afrontar o club. Tempada tras tempada o grupo varía moi pouco. Só se fan un ou dous cambios e iso é moi importante porque non hai que empezar de cero cada pretempada. Os hábitos de traballo e as dinámicas de xogo xa son coñecidas e iso fai que todo sexa un pouco máis doado", asegura o segundo máximo anotador nacional e quinto no global e mellor triplista da pasada liga, quen chancea ao asegurar que "comigo só non sei se poderemos saír a xogar".

Respecto á nova campaña e coa incógnita de saber con qué equipo contará finalmente o Amfiv, Lorenzo Envó apunta que "teño moita ilusión e ganas de facelo ben pero haberá que esperar a ver os primeiros partidos de Liga para que nos mostren a liña do que nos espera esta tempada". Iso si, non será nada doado posto que "a priori, nos tocou un grupo bastante forte con equipos como o Fundosa Once, o Amiab de Albacete, o ACE Gran Canaria ou o CAI Zaragoza que teñen bastante diñeiro e seguro que farán bos equipos".