Cabecera Vide

Filipe Carneiro, última renovación dun Amfiv que incorpora a Jose Teijido e Manu Lorenzo del Basketmi

amfiv_filipeJosé Antonio Beiro cumpriu co obxectivo que se marcara ao iniciar a rolda de conversacións cos xogadores e técnicos. Salvo a excepción xa coñecida de Sergio González, que decidiu deixar de exercer como preparador físico do club para centrarse nas súas obrigas co Seis do Nadal, e o caso do australiano Nick Radovich, que quere permanecer no seu país para tratar de facerse un oco na súa selección nacional, o director deportivo do Amfiv logrou manter o bloque que tan bos resultados está a obter nas últimas campañas.

A última peza en selar a súa renovación foi, precisamente, a última en chegar, o portugués Filipe Carneiro, quen a tempada pasada viviu a súa primeira experiencia fóra do seu país ao incorporarse ao Amfiv.

"O rendemento de Filipe, despois do lóxico período de adaptación, foi espectacular. Sabiamos que as súas condicións eran moi boas e que nos podía achegar cousas moi interesantes pero o seu nivel foi mesmo superior ao esperado. Ademais, a todo o deportivo hai que sumar a faceta humana xa que nese aspecto o seu comportamento é sempre de dez", explica José Antonio Beiro, quen subliña que "Filipe nos anunciara xa hai tempo que a súa intención era seguir no equipo pero estabamos algo intranquilos porque sabiamos que a súa irrupción na División de Honra chamara a atención do algúns equipos como o Mideba Extremadura, que mesmo se puxo en contacto con el antes de finalizar a pasada tempada. Non obstante, Filipe demostrou que é un home de palabra e cando retomamos as conversacións confirmounos que seguirá no Amfiv polo menos unha campaña máis. Esperemos que non sexa só unha senón moitas e que poida seguir crecendo connosco como xogador".

A renovación de Filipe non foi a única noticia nun conxunto vigués que este próximo luns iniciará de forma oficial os adestramentos de pretempada no Pavillón de Bouzas. O máximo responsable deportivo do Amfiv deu outras dúas alegrías ao seu corpo técnico a pechar as incorporacións de Jose Teijido e Manu Lorenzo, ambos os dous procedentes do Basketmi ferrolano. "Jose xa estivo connosco a metade da tempada hai dous anos, botándonos unha man cando Samuel estivo lesionado. Foi a súa primeira experiencia na División de Honra e gustoulle moito a experiencia e a esixencia da máxima competición. De feito, a campaña pasada, de novo co Basketmi en División de Honra B, botou bastante de menos adestrar todos os días e competir con xogadores de primeira fila. Por iso, tras a disputa da última edición de a Galicia, comentamos a posibilidade de que volvese xogar connosco e agora á fin concretamos o acordo", puntualiza José Antonio Beiro.

A incorporación de Manu Lorenzo tamén comezou a fraguarse nesa mesma Copa Galicia, aínda que o interese xurdira uns meses antes. "Sabiamos que Manu é un xogador cun potencial enorme aínda que a súa xuventude nos invitaba a la prudencia. Puidemos velo de primeira man no Campionato de España escolar por autonomías, no que foi a máxima reboteadora a pesar de medirse xogadores moito maiores ca el, e xa empezamos a pensar que quizais estaba preparado para poder dar xa o salto. Acabamos de decidirnos cando os seus pais nos formularon a opción de usar a súa tremenda ilusión polo baloncesto en cadeira como un aliciente para que mellore nos seus estudios, permitíndolle formar parte do primeiro equipo do Amfiv sempre e cando cumpra coas súas obrigas escolares. Pareceunos unha opción moi interesante, xa que adestrando connosco Manu vai poder crecer como xogador a pasos axigantados, ao tempo que sabe que se as súas notas non son as esperadas, non poderá cumprir coa súa máxima ilusión e terá que deixar de xogar ao baloncesto en cadeira de rodas", finaliza o máximo responsable deportivo do conxunto vigués.