O americano Savoy Brown solicita abandonar o Amfiv para regresar á casa

Imprimir

savoySavoy Brown deixará de ser de forma inmediata xogador do Amfiv nesta tempada 2014-2015. O xogador americano formulou na noite deste pasado mércores a súa intención de volver ao seu país ao non se atopar feliz nin no equipo nin na cidade e o club vigués non quixo reter o xogador en contra da súa vontade e accedeu aos seus desexos, cambiando os seus billetes para que este mesmo xoves poida xa voar a Wisconsin.

"Estamos aínda un pouco sorprendidos por esta situación porque é algo que non vimos vir e que nos colleu totalmente desprevidos. O mércores falando con Savoy doutros temas expúxonos que non estaba a ser feliz aquí e que se o club non tiña problema podía marchar á casa. Era algo que non esperabamos porque se ben é certo que ao principio lle custou un pouco ao tratarse da súa primeira experiencia no baloncesto profesional e fóra do seu país, agora si que pensabamos que Savoy estaba xa adaptado e a gusto", explica José Antonio Beiro, máximo responsable deportivo do Amfiv.

A inesperada petición do xogador americano obrigou ao conxunto vigués a unha reunión de urxencia para valorar a situación, co corpo técnico como principais encargados de avaliar as posibilidades antes de tomar unha decisión. "Tanto César Iglesias como Óscar Carbajo transmitíronnos que non era bo para o grupo ter aquí un xogador que non quería estar e que se Savoy non era feliz no equipo e na cidade, o mellor era acceder á súa petición e que se volvese á casa", explica José Antonio Beiro, quen subliña que "queda pouco máis dun mes para que finalice a Liga e estamos a case unha semana para a disputa da Copa do Rei e, evidentemente, isto non é o mellor para o equipo. Nós realizaramos unha aposta arriscada con Savoy porque levaba bastante tempo inactivo e outros conxuntos o rexeitaron o pasado verán por ese motivo e, sobre todo, polo seu físico xa é unha xogadora moi corpulenta. Certo é que a súa participación e, especialmente, a súa incidencia nos partidos non estaba a ser demasiada pero tamén é normal despois de tanto tempo sen xogar e asimilando aínda o paso do baloncesto universitario americano a unha liga tan competitiva e competida como la española. Pode que esa escasa cantidade de minutos na pista sexa a causa fundamental da súa decisión de abandonar o Amfiv xa que, aparentemente, a súa relación co resto de compañeiros e o corpo técnico era boa e fluída. De feito, os xogadores compartiron tamén a nosa sorpresa ao coñecer a noticia".

A marcha de Savoy suporá máis unha limitación nas rotacións que un auténtico rompedeiro para César Iglesias nesta recta final da tempada. "O Noso obxectivo xa está cumprido ao lograr a permanencia e clasificarnos tanto para a Fase polo Título coma para a Copa do Rei. Por iso tampouco vai ser un excesivo problema para o equipo acceder á petición de Savoy de regresar á súa casa. Gustásenos velo nestes últimos partidos para rematar de avaliar se a próxima campaña, xa adaptado  Vigo e ao baloncesto profesional, podíanos achegar máis cousas pero é a súa decisión e temos que respectala. Desexámoslle moita sorte no futuro e agradecémoslle aceptar nosa proposta o pasado verán, saíndo por primeira vez da súa casa para emprender a aventura europea, e o esforzo e o traballo que estes meses dedicou ao Amfiv," finaliza o director deportivo do conxunto vigués.