O novo Amfiv reafirma a súa aposta pola integración a través do deporte

Imprimir

amfiv presentacion agosto 2015As instalacións da Fundación VIDE, acolleron na tarde do pasado xoves 27 de agosto a presentación da nova xunta directiva e proxecto aínda que mantendo intacta a filosofía coa que naceu o club hai xa máis de trinta anos.

Porque José Antonio Beiro, na súa posta de longo ante os medios de comunicación como novo máximo mandatario do club, escoltado por un dos seus fundadores, o secretario José Carlos González, e por outro histórico da entidade como o tesoureiro Manuel Veiga, deixou ben claro que a liña a seguir será a mesma de todos estes anos e que a principal prioridade do Amfiv seguirá sendo pelexar pola integración a través do deporte.

Nese sentido, fíxose público un segredo a voces, a principal novidade para a campaña a punto de empezar, a creación dun equipo filial que competirá na segunda división nacional de baloncesto en cadeira de rodas. "Era algo máis que unha necesidade tanto polos rapaces que van saíndo da nosa escola e que teñen proxección coma polos xogadores que durante estas últimas tempadas non atoparon un oco no primeiro equipo por uns ou outros motivos, así como para aqueles que por idade, traballo ou circunstancias persoais non podían manter a dedicación que esixe unha categoría como a División de Honra. A aposta do club era moi clara xa que non podiamos permitir que esta xente deixase de practicar deporte e marchase para a súa casa aínda a custa de que o importantísimo desembolso económico que supón sacar a competir o filial vaia derivar en que teñamos que recortar gasto no primeiro equipo. Tiñamos pensado realizar tres ou catro incorporacións no primeiro equipo pero ao final só poderemos acometer dous como máximo, un punto baixo e un clase catro, e contaremos cun equipo moi curto porque tivemos que destinar ese presuposto a comprar as cadeiras necesarias para os xogadores do filial", explica José Antonio Beiro.

O novo presidente do Amfiv expuxo igualmente o principal problema co que se atopa agora a súa entidade, o que lle quita actualmente o sono. "Seguramente cando decidimos facer a aposta do filial non o pensamos demasiado ben porque economicamente é arriscado pero con iso xa contabamos. O principal inconveniente que temos agora son as horas de pista para poder adestrar porque, polo momento, só dispoñemos dunha hora, os xoves de 20.00 a 21.00 horas. Estamos en conversacións co concelleiro de Deportes e co IMD para intentar solucionar isto e conseguir polo menos catro horas á semana porque é ridículo pensar en saír a competir na segunda categoría nacional con só unha hora de adestramento á semana", puntualiza Beiro, quen subliña que "temos que facerlles ver as necesidades especiais do noso club. Bouzas ofrécenos unha serie de facilidades para as persoas con mobilidade reducida como o aparcamento, un almacén moi grande, un pavillón completamente adaptado e que non temos que mover todo o material porque xa está alí. Ter que movernos a outra instalación suporía trasladar para cada adestramento quince cadeiras de xogo e o resto do material para o que necesitariamos tres furgonetas e outras tantas persoas para que as conduzan. É algo inviable económica e organizativamente. Pedimos desculpas por anticipado a outras entidades que poidan sentirse prexudicadas pero consideramos que outros clubs teñen moito máis doado adestrar noutras instalacións. O máis lóxico é que o noso club centre a súa actividade en Bouzas e é evidente que para competir cun mínimo de garantías en la Primeiro División necesitamos adestrar polo menos catro horas á semana".

O importante desembolso económico que supón a creación do filial, sobre todo polo alto custo das cadeiras de rodas (entre 1.000 e 3.000 euros cada unha), que son específicas para cada xogador segundo o seu tipo de minusvalidez, se produce, ademais, na que será a quinta tempada consecutiva na que o Amfiv sairá a competir sen o apoio dun patrocinador. "Sabemos que a situación é moi complicada para todo o mundo. Traballamos duro para intentar conseguir apoios de empresas privadas pero ata agora non obtivemos os froitos esperados. Con conseguir entre catro ou cinco patrocinadores a metade do que antes nos daban empresas como Aldasa ou Vital Vigo estariamos moi contentos. Non decaemos no noso empeño e confiamos en que finalmente alguén se decida a apostar por nós porque seguro que verá a súa inversión claramente recompensada e, ademais estará a facer unha impagable labor social", resalta Beiro, quen incide novamente neste aspecto posto que "por esa razón se incorporou a a directiva José Manuel Alvelo, aínda que hoxe por circunstancias persoais non puido vir. Queremos manter e impulsar un pouco máis o labor social do club. Por exemplo, a semana pasada conseguimos traballo para tres dos nosos xogadores como controladores do acceso nun parking e outro máis estará para cubrir baixas e enfermidades. Non queremos perder de vista tampouco esa función tan importante".

Porque o propio secretario subliña que "tanto o primeiro equipo como o novo filial están moi ben pero o verdadeiramente importante do Amfiv son as súas escolas, que continuarán desenvolvéndose os sábados pola mañá e ás que poden apuntarse xente con e sen minusvalidez. Dende a creación do club, o noso reto foi buscar a integración a través do deporte e é no que temos que seguir traballando. Os equipos achégannos visibilidade e permítennos chegar a máis xente, que outras persoas con problemas de mobilidade saiban que teñen unha alternativa para facer deporte, xa sexa baloncesto ou natación".

De feito, José Antonio Beiro tivo un recordo cara ao seu tío, o presidente e fundador do club falecido o pasado mes de febreiro, Pablo Beiro. "Seguro que Pablo, dende onde estea, nos estará a ver orgulloso de que o equipo filial estea a funcionar porque a súa debilidade sempre foron os nenos e as escolas", comentou.

RENOVACIÓN DO CORPO TÉCNICO

Por último, o máximo mandatario do Amfiv anunciou a continuidade de Óscar Carbajo e César Igrexas á fronte do corpo técnico do primeiro equipo mentres que o filial estará dirixido por Natxo Cabaleiro, Lucía Rivas e Pablo Alonso. "César e Óscar son as pedras angulares do noso equipo de División de Honra. Unha vez pechada a súa renovación empezaremos a traballar no resto. Xa mantivemos contactos para buscar un par de incorporacións e cremos que non haberá excesivos problemas para que os xogadores de casa continúen connosco. É un ano novo para todos, o primeiro sen Pablo, e esperamos non levar ningunha sorpresa. Antes de rematar a pasada tempada xa mantivemos unha primeira toma de contacto e a predisposición de todos foi moi boa. Nos próximos días haberá noticias", relatou José Antonio Beiro, quen explicou igualmente que "o equipo B estará formado por xente saída da escola e outros que retoman a actividade deportiva. Ademais, temos que agradecer e sacarnos o sombreiro ante xente como Alberto Abalde e Santi Comesaña, que van achegar a veteranía necesaria no filial, no que poderán tamén dispoñer dos minutos que, pola esixencia da División de Honra, non tiñan no primeiro equipo, a pesar do seu incasable esforzo e compromiso non perdéndose ningún adestramento".

Iso si, o obxectivo está máis claro que nunca. "A Nosa meta é a mesma de sempre, non descender pero agora cunha motivación aínda maior posto que perder a categoría suporía ter que desfacer o filial", finaliza Beiro.