MasVisión, membro do grupo líder mundial no sector da óptica, novo patrocinador do Amfiv

Imprimir

amfiv camisetasA familia do Amfiv está de parabén. Despois de catro tempadas sen contar co apoio dun patrocinador principal, o club vigués acaba de pechar o acordo con MasVisión, empresa do grupo GrandVisión, líder europeo e mundial no sector da óptica, que se converterá de forma inmediata en novo colaborador da entidade.

Con máis de cinco mil tendas distribuídas en 41 países e máis de 21.000 empregados entre Europa, América Latina, Oriente Medio e Asia, o grupo GrandVisión conta na actualidade con 80 tendas MasVisión distribuídas por toda a xeografía española, cunha notable presenza en Galicia e, especialmente, en Vigo. O acordo será, en principio, por unha tempada aínda que a vontade de ambas as dúas partes pasa por prolongalo no tempo tanto como sexa posible. Esta primeira campaña, a axuda achegada por MasVisión destinarase principalmente ás escolas deportivas do Amfiv nas súas modalidades de baloncesto e natación e ao recén creado filial, que competirá na División de Honra B baixo o nome de MasVisión Amfiv B.

"Para nós é unha alegría enorme poder facer público este acordo no que estivemos a traballar os últimos meses. Levabamos moito tempo sen poder contar co apoio dun patrocinador principal e a chegada de MasVisión permítenos afrontar cun pouco máis de tranquilidade esta ilusionante tempada, na que ademais poñemos en marcha novos proxectos. Agradecemos profundamente que, dende o primeiro momento, mostrasen unha predisposición total e absoluta a colaborar connosco", afirma o presidente do Amfiv, José Antonio Beiro, quen resalta que "foi presentarlles o proxecto e dicirnos inmediatamente que eles querían estar aí. Xa veriamos logo como e de que forma pero MasVisión tiña que estar a colaborar co Amfiv".

A incorporación de MasVisión supón un importante alivio para a axustada economía do club vigués pero a xunta directiva encabezada por José Antonio Beiro continúa traballando para xerar máis recursos. "Nas últimas tempadas tivemos que reducir noso presuposto en máis dun setenta por cento debido á situación económica xeral e esta mesma campaña tivemos que recortar de novo no primeiro equipo para poder sacar o equipo filial sen poñer en perigo a continuidade da entidade. Por iso, unha vez concretado este importantísimo acordo, que consolidar esperamos e aumentar en próximos anos, xa poño mans á obra para intentar conseguir algunha outra empresa ou empresas que queiran colaborar tamén connosco. Foi unha das primeiras cousas que MasVisión nos puxo enriba da mesa. Pola súa parte non hai ningún inconveniente a que incorporemos outros patrocinadores á entidade e, de feito, contamos coa súa axuda para intentar atopar algún que poida cubrir parte dos gastos do primeiro equipo", puntualiza Beiro.

A sinatura oficial do acordo de colaboración terá lugar o próximo mércores 14 de outubro, a escasos días da estrea da tempada na División de Honra do primeiro equipo do Amfiv, nun acto que contará con representantes da sinatura MasVisión e no que espera tamén a presenza do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e do presidente de VIDE e concelleiro de Deportes, Manel Fernández.