Abel Caballero e Manel Fernández celebran a chegada dun patrocinio privado ao Amfiv

Imprimir

amfiv concelloO alcalde de Vigo, Abel Caballero, acompañado polo presidente de VIDE e concelleiro de Deportes, Manel Fernández, recibiu onte a representantes da xunta directiva do Club Deportivo Amfiv e ao seu novo patrocinador, a firma Más Visión.

Caballero felicitou á empresa privada polo seu apoio á entidade viguesa de baloncesto adaptado e departiu cos directivos, que acudiron a explicar o acordo acadado. Para o club vigués este convenio supón rematar con cinco anos sen patrocinador privado.

Caballero anunciou que nos vindeiros días definirase administrativamente a nova denominación do pavillón de Bouzas, que pasará a chamarse pavillón Pablo Beiro. "En moi poquito tempo poremos o nome moi visible porque a cidade quéreo así, o alcalde tamén, e é unha idea colectiva", subliñou o rexedor.

O acordo entre a empresa do sector da óptica e o Amfiv é por unha tempada e destinarase principalmente ás escolas deportivas do club (baloncesto e natación) e ao novo filial, que competirá na División de Honra B baixo o nome de Más Visión Amfiv B.

Eladio Moreno, director de vendas da empresa para España, manifestou na rolda de prensa conxunta co alcalde que "compartimos moitos valores. O Amfiv pretende demostrar que o deporte é accesible a todo o mundo e nós, que a saúde visual é algo accesible tamén a todos, ademais do espírito de sacrificio, o traballo en equipo que tamén facemos en Más Visión".

Chechu Beiro, presidente da entidade, indicou que "todos somos coñecedores do difícil que está sendo manterse para as empresas privadas, e que unha decida formar parte de algo histórico como é a saída do Amfiv B non ten prezo".

Ademais, o primeiro equipo, da División de Honra, debuta este sábado en Bouzas ante o Valladolid, "preparado e a por todas".