O Club Amfiv dedicará a intensa xornada do sábado a colaborar co Banco de Alimentos

Imprimir

Este sábado 7 de novembro será unha data especial para o Club Amfiv xa que ás 17.00 horas se estreará en competición oficial no Pavillón de Bouzas o MasVisión Amfiv B, recibindo ao Orto Tres Cruces de Zamora na primeira xornada da División de Honra B. Será, ademais, unha xornada moi especial para a entidade posto que tras este primeiro compromiso do equipo filial se disputará a cuarta xornada na División de Honra enfrontando o primeiro equipo do Amfiv co Getafe. Será a partir das 19.00 horas.

Por iso, o club presidido por José Antonio Beiro quixo organizar unha xornada dedicada ao baloncesto en cadeira de rodas, aproveitando para presentar entre ambos os dous encontros aos seus dous equipos, aos integrantes das súas escolas deportivas de baloncesto e de natación e aos voluntarios que colaboran coa entidade. "Este primeiro partido do noso equipo filial é un acontecemento moi importante para nós e queremos darlle a relevancia que merece. Ademais, pensamos que é unha excelente oportunidade para reunir nun mesmo recinto a todos os integrantes da grande familia do Amfiv", explica o máximo mandatario do conxunto vigués.

E para completar a xornada, José Antonio Beiro quixo incidir na parte solidaria, alcanzando un acordo co Banco de Alimentos de Vigo para iniciar unha colaboración entre ambas as dúas entidades. Deste modo, dende o Amfiv instarase a todos aqueles que acudan este sábado ao Pavillón de Bouzas a levar consigo algún alimento non perecedoiro para doar ao Banco de Alimentos e achegar así o seu granito de area a esta importante causa. "Dende fai xa varias tempadas nós non cobramos entrada para ver os nosos partidos porque entendemos que a situación económica non é a máis idónea para iso. Non obstante, nesta ocasión pedimos á nosa afección, á nosa xente, que faga un pequeno esforzo para axudar a esta causa e que "paguen" a entrada con algún alimento non perecedoiro. Evidentemente, é unha acción voluntaria e ninguén quedará sen poder ver o partido se non trae un alimento pero gustaríanos moito que neste día tan importante para nós poidamos axudar tamén aos demais", apunta José Antonio Beiro.