Un afortunado lanzamento a taboleiro de Asier García no último segundo do tempo regulamentario condenou ao Amfiv a unha inmerecida prórroga na que os vigueses, xa moi xustos de forzas e de efectivos a ser expulsados por cinco faltas Karlis Podniex e Julio Vilas, caeron derrotados. Con anterioridade, o conxunto de César Iglesias fixera méritos abondos para facerse coa vitoria, nun grande partido colectivo tanto en ataque coma en defensa.

O Amfiv empezou o partido xa moi enchufado e controlando á perfección á maior referencia ofensiva bilbaína, o americano Joshua Turek, quen, malia todo, mostraría o seu tremendo potencial anotador na segunda metade e na prórroga para rematar o encontro con 26 puntos. Por iso, os primeiros dez minutos saldáronse con triunfo parcial para os vigueses (14-17). Non obstante, a calidade e amplitude do equipo local empezou a deixarse notar, aproveitando tamén un momento de descontrol nas filas visitantes, o que provocou que ao descanso se chegase cos vascos por diante no marcador (35-31, min.30).

A volta dos vestiarios mostrou a un Amfiv de novo centrado e efectivo, con Lorenzo Envó e Salvador Zavala como principais referentes en ataque pero ben acompañados polo resto de compañeiros. Mentres, os locais vían limitadas as súas opcións ofensivas a Turek e, sobre todo, aos centímetros de Dani Díaz, que complicaron muchísimo a vida á defensa viguesa. O 47-50 co que se pechou o parcial anunciaba moita emoción para un último cuarto que non decepcionou.

Porque as alternativas no marcador foron unha constante neses últimos dez minutos dun partido, que non se decidiu ata o último suspiro. Dous tiros libres fallados por David Mouriz a falta de menos de trinta segundos para a conclusión deixaban ao Amfiv cun punto de vantaxe (68-69) e posesión de balón. A Zavala non lle tremeu o pulso dende a liña de persoal para poñer aos seus tres arriba e rozando un importantísimo triunfo a menos de dez segundos para ala conclusión. A defensa viguesa obrigou a Asier a lanzar un triplo moi forzado que non entrou pero a fortuna levou o rebote de novo a mans bilbaínas co tempo xusto para atopar de novo a Asier, quen, agora si, anotou a taboleiro e con muchísima fortuna para levar o partido á prórroga.

O golpe recibido foi moi duro para un Amfiv moi tocado física e anímicamente e que recibiu a puntilla ao ver como Julio Vilas tiña que retirarse tamén, dende o inicio do terceiro cuarto os vigueses xogaban xa sen Karlis Pondniex, ao cometer a súa quinta falta persoal. A prórroga tivo xa pouca historia e só cor local. O partida para o conxunto de César Iglesias rematara antes. Cinco minutos antes. Cando a fortuna lle deu as costas e o triplo agónico de Asier rematou dentro da canastra.
BILBAO BSR - AMFIV 85-77

MasVisión Amfiv B

O MasVisión Amfiv B rozou coa punta dos dedos o seu primeiro triunfo da tempada pero nos igualados instantes finais pagou a súa falta de experiencia e a escaseza de efectivos ao desprazar unicamente a San Sebastián a oito xogadores polas limitacións presupostarias do club vigués. O conxunto dirixido por Natxo Cabaleiro completou un grande inicio de partido, cun ataque moi fluído e unha defensa sólida freando os dous referentes ofensivos do Bera Bera, un xogador con contrastada experiencia en División de Honra como Chema Cabrero e un bo tirador cunha notable envergadura como Jurgi Olasacasti. Así, o primeiro cuarto foi de clara cor visitante, abrindo unha interesante brecha no marcador (10-17, min.10). Non obstante, os donostiarras axustaron moito mellor a súa defensa no segundo período e, ademais, souberon atopar outras solucións en ataque para complicar o traballo atrás dos vigueses, sumándose á produción ofensiva do Bera Bera o acerto nos tiros de Echevarria e os cortes de Óscar Sánchez. Por iso, pouco a pouco a vantaxe do MasVisión Amfiv B foise esfumando e ao descanso os locais xa dominaban no electrónico (32-29, min.20).

Os vigueses volveron afinar en ataque e a pechar mellor a súa defensa tras o intermedio, chegándose á conclusión do terceiro período aínda con todo por decidir (48-47, min.30). A igualdade mantívose nun último cuarto con todo no aire ata os seus instantes finais (58-56, min.39), momento no que o Bera Bera fixo valer a súa maior experiencia aproveitando un par de erros de xuventude do MasVisión Amfiv B para facerse coa vitoria.

BERA BERA - MASVISIÓN AMFIV B 62-56