III Torneo 3x3 Solidario 2O Colexio Salesianos foi o escenario este fin de semana do III Torneo 3x3 Solidario de Baloncesto en Cadeira de Rodas, unha iniciativa benéfica posta en marcha polo Club Amfiv, o Club Baloncesto Salesianos e a Asociación Juvenil Abertal para facer promoción do baloncesto adaptado entre as persoas sen ningún tipo de minusvalidez á vez que se recadan alimentos non perecedoiros para doar a la Operación Quilo.

O torneo, que na pasada edición contou xa con 28 equipos, foi de novo un rotundo éxito e, unha vez máis, se superaron as cifras de participación máis optimistas alcanzándose os 8 equipos na categoría alevín/infantil, os 16 en categoría cadete/junior e 12 equipos máis en categoría senior. Así, un total de 36 equipos tomaron parte nun evento que continúa crecendo ano tras ano e que todos aqueles que proban, repiten.

A xornada do sábado do III Torneo 3 x 3 Solidario de Baloncesto en Cadeira de Rodas estivo dedicada aos máis pequenos, ás categorías alevín/infantil (de 9 a 13 anos) e cadete/junior (de 14 a 17 anos), mentres que o domingo foi a quenda dos senior, os maiores de 18 anos. Os equipos estiveron compostos por un mínimo de 4 e un máximo de 6 xogadores e o único requisito para participar foi achegar 1 quilo de alimentos non perecedoiros por xogador para doar a la Operación Quilo. Iso e moitas ganas de divertirse e pasar unhas entretidas xornadas practicando deporte e probando unha nova experiencia. Por iso, as risas foron as protagonistas dunha fin de semana que congregou en Salesianos a máis de 200 xogadores e a un bo número de curiosos que non quixeron perder a oportunidade de presenciar en directo este III Torneo 3x3 Solidario de Baloncesto en Cadeira de Rodas. Ademais, púidose apreciar a evolución dalgúns participantes que, nesta terceira edición, mostraron xa a súa bagaxe de participacións anteriores exhibindo interesantes progresos no manexo das cadeiras e no xogo.

Entre os máis pequenos, o triunfo foi para o equipo Hombres de Negro, formado por Yoli, Candea, Carmen, Javi e Mate, que se impuxo na gran final ao Todopoderosos de Mario, Manu, Xullo e Nuno. O terceiro posto da categoría alevín-infantil foi para Las Croquetas (Laura, Ronsel e Carolina).
En cadete-junior, o primeiro posto do podio foi para Wheel Breakers (Miguel, Alberto, Rafa e Zeme), que dobregaron na loita polo título a Rápido de Pontequieto (Xoán, Jacobo, Víctor, Iago e Miguel). A terceira praza nesta categoría foi para os mozos da escola do Amfiv formando o equipo Amfivitos (Dani, Uxía, Nico, Luis, Álex e Martín).

A xornada do domingo, reservada para a categoría senior, tamén tivo á diversión como principal e única protagonista dunha entrañable xornada. Os doce equipos participantes dividíronse en dous grupos, accedendo ás semifinais despois de cinco entretidos partidos da fase de grupos Carbajo Team e Vimipedi por un lado do cadro e Sorte e Hot Wheels, campións o ano pasado en cadete/junior, polo outro. A semifinal entre Carbajo Team, liderado polo xogador do Amfiv Salvador Zavala e coa incorporación de última hora para as roldas decisivas do presidente, José Antonio Beiro, e Vimipedi, encabezado por Vicky Alonso e co xogador do MasVisión Amfiv B Marcos Diéguez, non se decidiu ata o último suspiro cunha canastra do mexicano Zavala que deu o billete á final ao Carbajo Team. Mentres, Sorte, que nesta edición contou co letón Karlis Podnieks en substitución de Lorenzo Envó, tivo moitos menos problemas para impoñer experiencia ante Hot Wheels. E a final respondeu a todas as expectativas, deparando un encontro igualadísimo, con constantes alternativas para un e outro bando e que non se decidiu ata o último segundo ao transformar José Antonio Beiro un tiro libre que deu o triunfo ao Carbajo Team (Óscar Carbajo, David Fernández, Picher, David Augusto, Beiro e Zavala), deixando a Sorte (Natxo Cabaleiro, Karlis Podnieks e Marco Pereira "Perete") co mel nos labios. Na loita por completar o podio, os mozos de Hot Wheels (Andrés, Diego, Daniel, Gonzalo e Héctor) mostraron que en próximas edicións son claros candidatos a pelexar tamén polo triunfo na categoría adulta.