O MasVisión Amfiv B, como xa aconteceu no encontro da primeira xornada liguera, volveu rozar coa punta dos dedos un histórico primeiro triunfo que estivo a punto de chegar neste comezo da segunda volta na Primeira División na cancha do Orto Tres Cruces de Zamora (49-46). Os vigueses, despois dun bo primeiro cuarto no que tutearon aos zamoranos (15-14, min.10), acusaron no segundo parcial a exclusión do seu capitán Alberto Abalde e os locais aproveitaron os instantes de desconcerto para abrir unha pequena brecha no marcador que se mantiña ao descanso (33-22, min.20).

Unha renda que, a pesar dos esforzos dos xogadores do MasVisión Amfiv B, mantíñase no terceiro período en torno aos dez puntos e mesmo se incrementaba a só cinco minutos para a conclusión do choque (47-34, min.35). O partido parecía completamente sentenciado pero o conxunto vigués apelou ao orgullo para buscar unha remontada épica que estivo a punto de consumar. Porque a presión formulada polos visitantes atou as mans a un Orto Tres Cruces que nos últimos cinco minutos unicamente puido anotar dous puntos. A base de esforzo, o MasVisión Amfiv B empezou a recortar diferenzas ata crer plenamente nas súas posibilidades de pelexar pola vitoria a un minuto para o final (49-44, min.39). De feito, o marcador apertouse aínda máis a menos de 40 segundos para a conclusión cunha nova canastra visitante (49-46) e outra boa defensa deixaba sen anotar os zamoranos. Quedaban 4 segundos para buscar un tempo morto e un triplo que levase o encontro a unha prórroga na que consumar a épica remontada pero o balón non quixo entrar e o MasVisión Amfiv B quedou co mel nos seus labios.