Cabecera Vide

O MasVisión Amfiv B recibe ao Bera Bera buscando o seu primeiro triunfo a pesar das importantes baixas

MasVisionDespois de rozar de novo a súa primeira vitoria da tempada a pasada fin de semana en Zamora fronte ao Orto Tres Cruces (49-46), o MasVisión Amfiv B terá este sábado a partir das 17.00 horas no Pavillón Pablo Beiro un nova oportunidade de estrear a súa cuadrícula de triunfos. Porque os vigueses reciben ao Salto Bera Bera, equipo que lles precede na táboa clasificatoria e que só gañou un partido esta tempada, precisamente na primeira volta ante o MasVisión Amfiv B noutro encontro que se decidiu no último suspiro (62-56).

Non obstante, o conxunto dirixido por Natxo Cabaleiro non afrontará este compromiso nas mellores condicións posibles ao poder realizar unicamente unha sesión de adestramento esta semana e, ademais, contar con importantes baixas para este choque. Así, Alberto Abalde, descualificado o pasado sábado en Zamora, cumprirá un encontro de sanción e Martín de la Puente tampouco estará dispoñible ao atoparse en Francia disputando o Masters Junior de tenis. Estas dúas ausencias únense ás que xa arrastraba o conxunto vigués de anteriores xornadas como Gonzalo Suárez ou Anxo Teixeira. Por outra parte, ao non ter partido esta fin de semana o primeiro equipo dado que lle toca xornada de descanso na Fase de Permanencia, os técnicos do MasVisión Amfiv B poderán dispoñer de todos os xogadores que alternan presenza no primeiro equipo e no filial como Adrián Lorenzo, Santi Comesaña, Vicky Alonso ou Samuel Rodríguez.

"É un partido importante para conseguir á fin esa primeira vitoria e quitar a ansiedade que nos está a pasar factura nalgúns encontros. Sabemos perfectamente que o noso obxectivo non é gañar partidos se non formar xogadores, pero iso non impide que no equipo haxa certo nerviosismo por lograr ese histórico triunfo que inaugure a cuadrícula de vitorias do MasVisión Amfiv B. A semana pasada en Zamora escapounos unha boa oportunidade para conseguilo e este sábado temos outra grande ocasión. As ausencias de Martín e Berto condiciónannos un pouco pola cantidade de opcións diferentes que nos achegan en defensa pero xa xogamos esta tempada moitos encontros sen eles e o equipo seguro que sabe atopar as solucións necesarias para suplilos. En San Sebastián xa plantamos cara ao Bera Bera e só a inexperiencia nos instantes finais evitou que puidésemos conseguir unha vitoria que merecemos e tivemos na man moitos minutos. Agora estamos máis rodados, sabemos mellor que facer e como facelo e esperamos que se note o duro traballo realizado", explica Natxo Cabaleiro, técnico do MasVisión Amfiv B.