Cabecera Vide

O Amfiv permite a Txema Avendaño xogar en Bilbao ata final de tempada

amfiv txemaO Club Amfiv continuará unha campaña máis, e xa serán quince de forma consecutiva, na máxima categoría nacional do baloncesto en cadeira de rodas. A vitoria do Basketmi ferrolano ante o Joventut de Badalona permitiu aos vigueses certificar a súa permanencia na División de Honra a falta de disputar aínda dous encontros desta Fase pola Permanencia. Precisamente, o conxunto de César Iglesias recibirán este sábado no Pavillón Pablo Beiro de Bouzas a partir das 19.00 horas ao Basketmi.

Nese encontro non poderá contar xa o técnico vigués cun dos xogadores máis destacados esta campaña do Amfiv, o internacional español Txema Avendaño, quen disputará o que resta de tempada coa camiseta do Bilbao BSR tras o acordo alcanzado entre ambos os dous clubs. Porque durante a disputa de pa recente Copa do Rei en Málaga, o xogador colombiano do cadro vasco Dani Díaz sufriu unha lesión nun ombro, abríndose a posibilidade de que os bilbaínos incorporasen as súas filas a un novo xogador para cubrir esa baixa de longa duración. Nese momento, José Antonio Beiro, presidente do Amfiv, púxose en contacto con Avendaño e cos responsables do Bilbao BSR para estudar a posibilidade de que fose o elixido. Os motivos para abrir esta opción eran moitos.

"Txema é de Bilbao e nós xa conseguimos o obxectivo que era manter a categoría. Ademais, só nos quedan dous partidos para finalizar a tempada o próximo 2 de abril. Por iso, pensamos que podía ser unha opción moi interesante para el porque lle permitiría seguir adestrando e competindo ao máximo nivel ata o mes de maio. Non deben esquecer que este verán se disputan en Río de Janeiro os Xogos Paralímpicos, España está clasificada, todo apunta a que Txema será un dos integrantes do equipo nacional nesta importantísima cita e nós queremos poñer todo o que estea nas nosas mans para que así sexa", explica o máximo responsable do conxunto vigués, quen tamén recorda que "as nosas relacións co Bilbao BSR son excelentes e cando vimos o sucedido con Dani Díaz non dubidamos un momento. Aínda teñen moitas opcións de meterse en rla Final Four e esperamos que Txema poida axudarlles a conseguilo".


TORNEO 3 X 3 SOLIDARIO EN PORRIÑO

Por outra parte, o Club Amfiv organiza este luns 21 de marzo no Pavillón Municipal o III Torneo Solidario Concello de Porriño BSR Amfiv-Abanca, unha cita que se está a converter xa nun clásico da Semana Santa e na que participan de forma indistinta persoas con e sen minusvalidez xogando xuntas ao baloncesto en cadeira de rodas. A inscrición, unha vez máis, será gratuíta, solicitándose a cada participante que achegue 1 quilo de comida dado o carácter solidario dun torneo que se disputa en tres categorías: mini (10 a 14 anos), cadete/júnior (14 a 18 anos) e sénior (categoría aberta). A competición en horario de mañá, de 9.30 a 14.00 horas, estará reservada para os máis novos mentres que de tarde, de 16.00 a 20.00 horas, será a quenda para a categoría sénior. Neste III Torneo Solidario, organizado coa colación de Porriño Baloncesto Base e o Concello de O Porriño, haberá premios e trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría así como sorpresas e sorteos para o resto de participantes grazas á colaboración, entre outros, de Dejavu, Manelsanchez.com, Azzya centro de benestar ou Tapería Largo da Costa. Os interesados en participar poden atopar máis información así como a folla de inscrición en www.cdamfiv.com.