O Aldasa Amfiv, encadrado unha vez máis no grupo máis complicado

Imprimir

Os vigueses tampouco tiveron sorte no sorteo da fase final da Copa Willi Brinkmann, que se celebrará en Xenebra (Suíza) do 23 ao 25 abril, e compartirán o Grupo A co Fundación Grupo Norte de Valladolid, o CAPSAAA francés e os anfitrions, os suízos do Les Aigles de Meyrin.

Terceiro sorteo da tempada e terceira ocasión na que a sorte se mostra esquiva cos pupilos de Abraham Carrión. Primeiro foi na euroliga 1, na que a fortuna colocou aos vigueses no Grupo C, posiblemente o máis forte de todos, xunto aos todopoderosos Elecom Roma e RSV Lahn Dill, o Besiktas turco e o equipo anfitrión, o Burdeos. Logo chegou a quenda á Copa do Rei, que se celebrará os días 27 e 28 de marzo en Toledo. E tampouco houbo sorte porque o Aldasa quedou encadrado na parte máis dura do cadro. Con diferenza. Nos cuartos de final terá un complicadísimo encontro ante o Fundación Grupo Norte de Valladolid e en caso de superar ese difícil compromiso, en semifinais esperaría un dos dous líderes da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas, o Once Andalucía ou o Fundosa Once.

Por iso, case non sorprendeu a ninguén no club vigués o sorteo dos emparellamentos da fase final da Copa Willi Brinkmann, competición que se disputará do 23 ao 25 de abril en Xenebra (Suíza). Porque, unha vez máis, o Amfiv estará no grupo máis complicado, o Grupo A, co Capsaaa francés, o Fundación Grupo Norte valisoletano e os anfitrions, Les Aigles de Meyrin. A fortuna, ademais, quixo que os pupilos de Abraham Carrión teñan tamén nesta ocasión ao Fundación Grupo Norte como incómodo compañeiro de viaxe, ao igual que acontece na Copa do Rei. Deste modo, vigueses e pucelanos verán as caras ata en catro ocasións esta campaña, cinco contando o enfrontamento de pretempada no Trofeo Regueiro da Encomenda-La Flecha no que se impuxo e Amfiv (64-73). Ata o momento, o balance ligueiro está equilibrado. Os valisoletanos gañaron na súa casa (84-74) e o Aldasa fixo o propio na súa (77-70).

Precisamente, o do fratricida entre os dous conxuntos españois será que abra a participación do Aldasa na fase final da Copa Willi Brinkmann. Será o venres 23 de abril ás 13.30 horas. Case sen tempo para descansar (18.00), o equipo de Abraham Carrión afrontará o seu segundo compromiso en terras suízas, nesta ocasión con ls anfitrions, Les Aigles de Meyrin, como rival. Os helvéticos, que contarán coa importante baza de xogar na casa e contar co respaldo da afección, son habituais nas competicións continentais, onde mesmo coincidiron xa nalgunha ocasión co Amfiv. De feito, no 2006 estiveron en Vigo participando na fase final desta mesma competición, unha Willi Brinkmann na que os vigueses foron subcampions, subcampionato que repetirían tamén en 2008, e Les Aigles de Meyrin concluíu na sexta praza.

Para pechar o Grupo A, o Aldasa terá que madrugar o sábado 24 de abril posto que ás 9.30 horas se enfrontará ao Capsaa francés, un conxunto galo que logrou o o seu pase a esta Willi Brinkmann despois de finalizar en segunda praza en Grupo D de liga 2 con balance de dous triunfos e unha derrota. O Capsaa caeu no seu primeiro partido ante o Roller Bulls (65-50) e impúxose nos seus outros dous compromisos ante o Nevsky Alyans (86-63) e o Platus Dragon (61-76) para asegurarse a segunda praza e o billete para Xenebra.

Mentres, o outro equipo español que participará na fase final da Willi Brinkmann, o Fuhnpaiin Peraleda de Toledo tivo algo máis de fortuna ao quedar encadrado no Grupo B con dous equipos procedentes da euroliga 1, o Dream Team Onlus Taranto italiano e o Hyeres francés, dos que poderá dispoñer de ampla información posto que foron rivais, respectivamente, de Fundosa Once e Once Andalucía. O grupo complétase cos israelitas do Beit Halochem Tel Aviv, unha auténtica incógnita.

Os dous primeiros clasificados de cada grupo accederán ás semifinais, que se disputarán o sábado 24 de abril ás 17.30 horas, mentres que a gran final será o domingo ás 12.15 horas.

 Emparellamentos (87.88 kB)