Cabecera Vide

Valladolid, primeiro obstáculo no difícil camiño do Aldasa na Copa do Rei

Os vigueses, que afrontan o torneo do K.O. con moita ilusión a pesar de estar na parte máis complicada do cadro, mídense ao Fundación Grupo Norte nos cuartos de final o sábado ás 12.00 horas.

Tres partidos en trinta e seis horas. Ese é o obxectivo co que o Aldasa Amfiv se despraza este venres a Toledo para afrontar a trixésimo segunda edición da Copa do Rei de baloncesto en cadeira de rodas. Porque o conxunto de Abraham Carrión, a pesar de que sabe que será moi complicado posto que quedou encadrado na parte máis complicada do cadro, aspira a poder disputar os tres encontros desta fin de semana, o que suporía que os vigueses estarían presentes na grande final do domingo ás 12.00 horas. O seu técnico, Abraham Carrión, coñece ben a receita para logralo. No seu palmarés figuran dous torneos do K.O., os conseguidos co Once Andalucía nas tempadas 2005 e 2006. O último deles, precisamente, superando na grande final ao Amfiv.

O camiño, iso si, será moi esixente. Para empezar, o Aldasa medirá forzas nos cuartos de final o sábado ás 12.00 horas co Fundación Grupo Norte de Valladolid. Será a terceira vez, contando co enfrontamento de pretempada no Torneo Regueiro da Encomenda, que vigueses e pucelanos vexan as caras cun triunfo en liga para cada un facendo valer o factor campo e vitoria olívica no trofeo estival. Pero non será a última vez que xoguen entre eles. Aínda quedará a Willi Brinkmann Cup en Xenebra (Suíza) do 23 ao 25 de abril.

E no hipotético caso de superar na matinal do sábado ao Fundación Grupo Norte, o Amfiv tería ante si outra proba de lume nas semifinais (20.15) posto que o seu rival nesta rolda sairía do do entre os dous primeiros clasificados e máximos candidatos ao título na División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas, o Fundosa Once e o Once Andalucía.

Non será doado en absoluto pero o técnico jerezano do conxunto vigués confía cegamente nos seus xogadores, na súa capacidade para sacar o mellor de si mesmos e facer un bo torneo do K.O. "Afrontamos esta Copa do Rei con toda a ilusión do mundo, sabendo que hai que ser realistas e que a liga se puxo moi complicada para que poidamos conseguir un dos postos realmente importantes. Por iso, se facemos un bo torneo e temos ese chisco de sorte que sempre é necesaria neste tipo de competicións, podemos subir un chanzo o grao de satisfacción nesta tempada, que non está resultado como queriamos," explica Carrión.

De tódolos xeitos, o adestrador do Aldasa non perde de vista a entidade dos adversarios aos que terían que deixar atrás os seus pupilos antes de alcanzar unha posible final copera. "Estamos na parte do cadro máis dura pero ante rivais aos que gañamos ou habemos tuteado cando nos enfrontamos a eles. Non hai ningún equipo que nos faga pensar que a nosa única opción de gañar é que eles fagan un mal partido. Se facemos o noso traballo e estamos centrados no que debemos facer, vai depender de nós e podemos gañar ou perder. Se esta fin de semana xogamos un ou tres partidos, é algo que está nas nosas mans. Sabemos que facendo as cousas ben podemos vencer", puntualiza Carrión.

Evidentemente, o primeiro paso é o enfrontamento de cuartos de final ante o Fundación Grupo Norte de Valladolid, un partido que vai camiño de converterse nun clásico esta tempada posto que ambos os dous conxuntos xa se enfrontaron tres veces -dous en liga e unha no Torneo Regueiro da Encomenda- e aínda terán que cruzarse de novo na Copa Willi Brinkmann. "É un equipo ao que coñecemos ben porque nos enfrontamos xa tres veces, contando a pretempada. En canto a individualidades, é do mellor da liga pero queda un pouco curto en rotacións e banco, cunha excesiva dependencia dos seus tres foráneos: Tristan Knowles, Dan Higcoock e Slavador Zavala. Esperamos conseguir que o noso equipo, o bloque, o conxunto, prevaleza sobre as súas individualidades aínda que nesta ocasión non existe a posibilidade do cansazo ou que estean desgastados por partidos anteriores", subliña o adestrador do Aldasa, quen anticipar que "intentaremos desenvolver un xogo duro e físico para que teñan problemas coas faltas porque as súas rotacións lles obrigan a que dous deses tres xogadores sempre teñen que estar en pista. Trataremos de impoñer un ritmo alto para que non o poidan aguantar. Se están cómodos, en intercambio de golpes, o normal é que gañen eles. Se facemos a nosa defensa e podemos realizar ataques rápidos e crearlles problemas no cinco para cinco, terei moitas opcións de levarnos partido".

Para afrontar o reto de disputar tres partidos en trinta e seis horas., o adestrador do Aldasa Amfiv contará coa baza de dispoñer da totalidade do seu equipo en perfecto estado. "O equipo está moi ben fisicamente. Non temos a ninguén lesionado nin con molestias. Foi unha semana bastante boa de adestramentos, con moita motivación para unha fin de semana que pode ser moi positiva. En 36 horas hai tres partidos a vida ou morte e se vas gañando, acumulas moitas sensacións para ao final vivir unha explosión moi grande que non se pode comparar con outros títulos".

Cuartos de Final. Sábado 27 de marzo de 2010
PISTA A (Polideportivo de Bargas)
A -10.00 H: ECONY GRANDE CANARIA - MIDEBA EXTREMADURA (A)
C -12.00 H: FUNDACIÓN GRUPO NORTE - ALDASA AMFIV (C)

PISTA B (Polideportivo de Nuestra Señora de Benquerencia)
B -10.00 H: FUNHPAIIN PERALEDA - JOVENTUT BADALONA (B)
D -12.00 H: ONCE ANDALUCÍA - FUNDOSA ONCE (D)

Semifinal. Sábado 27 de marzo de 2010
18:00 Gañador A-Gañador B 20:15 Gañador C-Gañador D

Finais. Domingo 28 de marzo de 2010
10:00 Polideportivo Bargas. 3º y 4º
12:00 Polideportivo Bargas. 1º y 2º