Cabecera Vide

Tras a Copa do Rei e a Semana Santa, o Aldasa volve á Liga ante o Joventut

Os vigueses, coa dúbida de saber como lles afectará o longo parón ligueiro, reciben este sábado en Bouzas (18.30 horas) un rival ante o que deixou escapar un importante triunfo na primeira volta (64-62).

O Aldasa Amfiv ten ganas de vinganza. Na sexta xornada da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas, os pupilos de Abraham Carrión encaixaron unha dolorosa derrota na cancha do Gam Joventut de Badalona (64-62), nun choque cunha polémica actuación arbitral malia a cal os vigueses tiñan que lograr igualmente o triunfo. Por iso, o adestrador do Aldasa non ten dúbidas. "Estamos con moitas ganas de facer un bo partido e gañar porque a derrota na súa pista foi, seguramente, a que máis dano nos fixo esta tempada e a que nos privou, posiblemente, de estar a loitar por postos máis altos na táboa,", explica Carrión.

Non obstante, o encontro ante os cataláns non parece chegar no mellor momento para o equipo vigués. Despois da actuación na Copa do Rei e as vacacións de Semana Santa, o rendemento do Amfiv ante o Joventut é unha auténtica incógnita. "Non estamos moi satisfeitos de ter este partido neste momento. É peculiar porque chega despois da Copa do Rei e de varios días sen adestramento, co que iso supón ao cortar o ritmo. Por iso, estamos preocupados por saber se imos poder render como debemos e estar á altura que necesitamos para lograr o triunfo", puntualiza Carrión.

Ademais, o Joventut xa demostrou no encontro da primeira volta que sabe como facer dano aos vigueses. "É un equipo que presenta unhas características que nos están a facer bastante dano, con cinco xogadores en pista bastante grandes, máis altos que os nosos. Cando iso acontece, habitualmente o rival créanos problemas pero nós temos outras virtudes que debemos explotar. Non somos altos e se permitimos que os rivais consigan posicións interiores cómodas, poden anotar con facilidade. Porque o Gam é un conxunto que se está no partido, en sorte e con bo feelling pode tutear a calquera xa que dispón dun quinteto bastante forte", analiza o adestrador do Aldasa.

Precisamente, o principal obxectivo dos vigueses neste encontro será intentar facer valer a súa maior amplitude de banco e impoñer a súa profundidade de equipo. "Contamos con nove xogadores que están a participar en cada encontro e debemos conseguir que, dunha vez por todas, iso sexa beneficioso para nós porque nos permita impoñer un ritmo de xogo alto e formular un partido físico. Nese aspecto, no físico, se non estamos por enriba, polo menos estamos igual que os nosos rivais. Por iso, podemos e temos que ser máis agresivos e intensos xa que todos poden render e achegar. Non temos por que reservar a ninguén e iso nos debería permitir levar o encontro ao noso ritmo, a nosa forma de xogar, con velocidade, intensidade e agresividade", comenta Carrión, quen, iso si, segue preocupado por corrixir os momentos de 2-3 minutos de desconcentración que o seu equipo sofre cada partido. "Somos conscientes de que ese é o noso maior problema. Perdemos tres partidos por menos de tres puntos que se os amarrásemos, co mesmo traballo e realizando exactamente a mesma tempada, estariamos a pelexar por ser terceiros e parecería unha campaña totalmente distinta. Se fosemos capaces de manter a concentración durante todo o encontro todos os partidos, a situación sería moi diferente. Pero para iso é para o que traballamos cada día en cada adestramento, para que cando cheguen os momentos complicados, os xogadores saiban manter a cabeza fría e elixir as mellores opcións sen deixarse levar polos nervios e a precipitación.