O Aldasa salva un pésimo día

Imprimir

aldasa-gamOs vigueses, moi desacertados no tiro, apelaron á defensa para superar ao Gam Joventut, que chegou moi castigada na recta final do encontro polas faltas persoais, e conseguir a vitoria (48-45) no seu peor encontro en ataque da tempada.

Esta vez o lastre do Aldasa non foron dous minutos de desconcentración. Eses dous minutos que atopo tras encontro padecen os vigueses e que tantas vitorias lles custaron esta tempada. Nesta ocasión, a pájara dos pupilos de Abraham Carrión durou corenta minutos. É dicir, todo o encontro. Porque o Amfiv non apareceu ante o Gam Joventut. Polo menos en ataque. Os números non enganan. 16 de 35 en tiros de dous puntos para un escaso 46% de acerto. 1 de 13 en lanzamentos triplos para un paupérrimo 8%. E 13 de 29 en lanzamentos libres, apenas un 45% de efectividade dende a persoal. Afortunadamente, os locais souberon suplir o seu nefasto día ofensivo con esforzo, traballo e orgullo en defensa para conseguir un triunfo que doutra forma fose imposible (48-45).

O inicio do encontro xa deixou claro que as vacacións de Semana Santa non lle sentaran nada, pero que nada ben, ao conxunto de Abraham Carrión. Ata cinco minutos tardaron os vigueses en inaugurar o seu marcador e, ademais, os primeiros puntos tiveron que chegar a través de dous tiros libres de Leo Tahti (2-6, min.5). A falta de ideas do Aldasa facilitaba enormemente o traballo defensivo do seu rival, o Gam Joventut, co que os puntos chegaban con contagotas. E iso reflectíase claramente no marcador ao finalizar os dez primeiros minutos (5-12).

Non obstante, o Amfiv si que estaba a facer ben unha cousa: defender para evitar que os cataláns puidesen distanciarse e seguir vivos no encontro. Porque o pésimo día ofensivo obrigaba a apertar os dentes en defensa para que o choque non rompese prematuramente. Sobre todo porque o adestrador-xogador do Joventut, Fabián Castilla, quería aproveitar a oportunidade para evitar posteriores apuros e con cinco puntos seus establecían a máxima renda visitante ata ese momento (8-17, min.15). Pero o Aldasa cortou a sangría e a base de esforzo conseguiu enxugar parte da diferenza ao intermedio (17-21, min.20).

O descanso non serviu para que os locais afinasen o punto de mira porque na segunda parte continuaron os erros nos lanzamentos. Así, as opcións para salvar o día seguían pasando pola defensa. Carrión sabíao e optou por un quinteto rápido e agresivo para formular unha presión a toda a pista que reenganchase aos seus xogadores ao encontro. O cambio de formulación pareceu dar os seus froitos de inicio posto que o Aldasa nun minuto xa empatara o partido (21-21). Pero o Gam pronto descubriu como superar a nova defensa viguesa e cun parcial de 0-7 volvía poñer costa arriba o choque (21-28, min.24).

Tocaba volver pelexar e esa é unha virtude que ninguén pode negarlle ao Amfiv. De feito, os pupilos de Carrión dispuxeron mesmo de tres ataques para poñerse por primeira vez por diante no marcador (27-28, min.27) pero non os aproveitaron e ao máximo que chegaron foi reequilibrar o choque (29-29, min.29). O exceso nos lanzamentos triplos, con catro lanzamentos case consecutivos non transformados reafirmando a pobre tarde ofensiva do Aldasa, non foi unha boa elección, especialmente porque os xogadores interiores do Joventut empezaban xa a acusar a acumulación de faltas persoais.

Por iso, aos últimos dez minutos chegouse cunha mínima renda para os badaloneses (29-31, min.30). O encontro seguía no aleiro, co Aldasa apelando ao orgullo e á defensa para compensar o seu mal encontro atacante. As diferenzas eran mínimas e a tensión máxima cando o choque se empezou a decantar a favor dos locais. Foi grazas á súa maior amplitude de equipo porque o duro e intenso partido empezou a cobrarse as súas vítimas en forma de xogadores eliminados. O primeiro foi o arxentino Silvio no minuto 35 e instantes despois, o Amfiv puxo por primeira vez no encontro por diante no marcador (36-35, min.36). Pero os pupilos de Carrión seguían fallando en ataque e non remataban de conseguir o control do partido. Afortunadamente, chegou tamén a quinta persoal doutro dos homes grandes do Gam, Enric Sanz (min.37), e dous tiros libres de Lorenzo Envó daban algo de osíxeno aos vigueses (40-37). As cousas poñíanse aínda mellor cando Fabián Castilla perdía tamén por persoais o seu outro pívot, Álvaro Mora (min.38), aínda que os cataláns aínda tiveron forzas para igualar unha vez máis o choque (41-41, min.39).

Quedaba un minuto para saber se o Aldasa conseguía un triunfo co que salvar un mal día ou se pola contra, o seu nefasto día en ataque ensombrecía a súa boa defensa. A solución chegou da man dunha canastra máis adicional de Agustín Alejos a falta de só 52 segundos para a conclusión (46-42). Iso si, os erros nos tiros libres aínda deron unha postremeira ocasión ao Joventut en mans do seu técnico que, a falta de dez segundos anotou o primeiro tiro libre (47-45) e lanzou a fallar o segundo para buscar un milagre que non se deu. O Aldasa salvaba o día (48-45).

FICHA TÉCNICA
ALDASA AMFIV: Santi Comesaña (-), David Mouriz (3), Leo Tahti (7), Lorenzo Envó (7), Agustín Alejos (11) -cinco inicial-, Berni Costas (6), Najib Essahiri (-), Lalo (6) e Xullo Vilas (8).
GAM JOVENTUT: Enric (11), Silvio (-), Bernal (-), Amora (15), Mineral (7) -cinco inicial-, Castilla (10), Guerreiro (-) e Martínez (2).
PARCIAIS: 5-12, 17-21 (descanso), 29-31 e 48-45 (final).
ÁRBITROS: González e Marqués. Eliminaron os visitantes Silvio (min.35), Enric (min.37) e Amora (min.38).
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á décimo sétima xornada da División de Honra de Baloncesto en Cadeira de Rodas disputado no Pavillón de Bouzas. 100 espectadores.