O Aldasa cumpre os seus plans e gaña

Imprimir

Os vigueses fixeron os deberes na primeira parte para superar con claridade ao Hercesa (58-71), acumulando boas sensacións de cara a afrontar a próxima fin de semana en Xenebra (Suíza) a súa participación na fase final da Copa Willi Brinkmann.

Poucas veces un adestrador, especialmente o do Aldasa, pódese mostrar tan feliz co traballo dos seus pupilos como o fixo Abraham Carrión despois da primeira parte realizada polos vigueses en Alcalá. "Logramos trasladar á pista o que traballaramos", explica o adestrador do Amfiv. Aínda que a alegría non adoita durar demasiado posto que o bo facer dos vigueses só durou os vinte minutos inciales. Tras o descanso, co encontro xa encarrilado, relaxáronse. Entendible posto que a vitoria non corría perigo e especialmente sabendo que a próxima fin de semana disputarán en Xenebra (Suíza) a fase final da Copa Willi Brinkmann.

Malia todo, o partido non empezou ben para os intereses do Aldasa. Os lanzamentos, a pesar de que se traballaban ben as posicións, negábanse a entrar e o Hercesa lograba pronto unha interesante renda (8-2). Pero o conxunto de Abraham Carrión non desesperou e seguiu incidindo no que traballara toda a semana: cómodas posicións de tiro e buscar o equilibrio entre lanzamentos interiores e exteriores. Desta forma, os puntos empezaron a chegar con facilidade á cuadrícula dun Amfiv que ao termo dos primeiros dez minutos xa mandaba no electrónico (12-19).

O bo traballo realizado en ataque tivo a súa prolongación no segundo cuarto pero, ademais, nesta ocasión os vigueses engadiron aos seus acertos saber controlar o ritmo de xogo, elixindo en cada momento o mellor xeito para atacar a defensa contraria. Os locais non sabían como parar ao Aldasa, que unhas veces corría, outras paraba o xogo e buscaba posicións interiores e outras recorría con acerto ao tiro exterior. Para colmo, a defensa viguesa tampouco permitía aos madrileños anotar co que ao intermedio o encontro estaba encarrilado (25-39, min.20).

Como era previsible despois do bo traballo realizado nos primeiros vinte minutos, o Aldasa baixou inconscientemente o pistón tras o intermedio, polo menos no que se refire a axustarse ao plan ideado durante a semana de adestramentos. O encontro rompeu un pouco e os vigueses vían posibilidades constantes de correr, co que chegou a desorde e a precipitación. Aínda así, a renda do Amfiv seguía crecendo (40-55, min.30).

Pero como o Hercesa non daba o seu brazo a torcer e os pupilos de Carrión, case sen querer, empezaron xa a pensar nos seus compromisos europeos da próxima semana, o último cuarto converteuse nun trámite que os vigueses aproveitaron para probar cousas de cara á Copa Willi Brinkmann sen ver perigar en ningún momento a vitoria (58-71).

FICHA TÉCNICA
CD HERCESA: Igrexas (17), Kulboca (5), Boulafa (7), Rodríguez (6), García (14) -cinco inicial-, Núñez (-), Pérez (-), Henares (6), Martín (3) e Augado (-).
ALDASA AMFIV: Bernabé Costas (6), Santi Comesaña (-), Vicky Alonso (3), Lorenzo Envó (23), Agustín Alejos (11) -cinco inicial-, Moncho Pombo (-), David Mouriz (12), Najib Essahiri (-), Leo Pekka Tahti (6), Lalo (10).
PARCIAIS: 12-19, 25-39 (descanso), 40-55 e 58-71 (final).
ÁRBITROS: López e Sánchez Mayoral. Eliminaron por cinco faltas persoais ao local Boulafa e ao visitante Envó.
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á décimo oitava xornada da División de Honra de Baloncesto en Cadeira de Rodas disputado no Pavillón Caixa Madrid de Alcalá.