O Aldasa, pendente do ceo

Imprimir

Os vigueses, ante o peche de aeroportos e a suspensión de voos, esperan noticias para saber se o próximo xoves poderán desprazarse a Xenebra para disputar a fase final da Copa Willi Brinkmann.

Todo está listo para que o Aldasa Amfiv siga escribindo outro exitoso capítulo na súa historia ao disputar por sexta campaña consecutiva unha fase final dunha competición continental. Nesta ocasión, os vigueses reatópanse coa Willi Brinkmann, título que xa saborearon en dúas ocasións (tempadas 2005-06 e 2007-08) aínda que quedando en ambas as dúas co mel nos labios e un agridoce subcampionato. A vitoria conseguida o domingo na cancha do Hercesa (58-71) insuflou moral os pupilos de Abraham Carrión, que afrontan a cita en Xenebra (Suíza) coa máxima ilusión e nun bo momento. Pero hai un factor que preocupa a todos no conxunto vigués, que sementou a alarma ao longo da fin de semana e que proxecta, nunca mellor dito, unha nube negra sobre o desprazamento que debería realizar este xoves o Aldasa.

O progresivo peche de aeroportos e a cancelación de voos pola nube de cinza que cobre os ceos europeos dende a erupción do volcán islandés provoca que, agora mesmo, o conxunto presidido por Pable Beiro non saiba con total seguridade se este xoves poderá desprazarse a terras suízas para participar na fase final da Copa Willi Brinkmann. Durante toda a xornada, as informacións foron contraditorias. Por un lado, dende Viaxes Eroski, a axencia coa que realiza todos os seus desprazamentos da tempada o Amfiv, transmiten tranquilidade e optimismo, aludindo á información que lles facilita Iberia, quen asegura que na mañá do martes se volverán abrir os aeroportos suízos. Por outro lado, o Fundación Grupo Norte de Valladolid e o Fuhnpaiin Peraleda de Toledo, que participarán xunto ao Aldasa na fase final da Willi Brinkmann, móstranse moito máis pesimistas respecto á posibilidade de realizar a viaxe.

Mentres, a IWBF-Europe (International Wheelchair Basketball Federation-Europe) remitiu na mañá do luns un escrito aos clubs participantes en competicións europeas para saber como tiñan pensado realizar os seus desprazamentos e se contaban con algunha alternativa en caso de non poder viaxar en avión. De feito, mesmo formulaban a opción de saber se en caso de non poder chegar á sede indicada o club aceptaría participar nalgunha outra fase final máis próxima e accesible.

Ante a imposibilidade de realizar o larguísimo desprazamento ata Xenebra en autobús posto que a maioría dos xogadores do Aldasa non son profesionais e non poderían dispoñer de catro días máis (dous á ida e outros tantos á volta) para realizar a viaxe por estrada, aos vigueses só lles queda rezar para que a situación se normalice e poidan coller tranquilamente o voo que o xoves lles levará ás 6.50 da mañá dende o aeroporto de Peinador ata o de Xenebra, con chegada prevista ás 11.10 horas previa escala en Barajas.

Outra opción sería que a IWBF-Europe decidise finalmente reestruturar as súas competicións continentais, agrupando os equipos por proximidade xeográfica. Nese caso, todo apunta a que o Aldasa pasaría a disputar a fase final da Copa André Vergauwen, que se disputa en Badajoz, ao igual que o Fundación Grupo Norte e o Fuhnpaiin Peraleda de Toledo. Non obstante, esta posibilidade non convence no seo do equipo vigués xa que obrigaría a organizar precipitadamente o desprazamento a Badajoz e se finalmente o tráfico aéreo volve a ser fluído, suporía un grave prexuízo económico para o club, que perdería calquera dereito a recuperar o diñeiro da viaxe a Suíza.

Con este panorama só queda esperar dado que a IWBF-Europe tamén anuncia no seu escrito que o mércores comunicará a súa decisión. As últimas noticias son esperanzadoras. A Unión Europea acordou este luns suavizar as restricións ao tráfico aéreo ao avalar unha proposta presentada pola Organización Europea para a Navegación Aérea, eurocontrol, de reducir o espazo aéreo prohibido aos voos comerciais en Europa. Así, anunciaron que as restricións comezarán a levantarse "progresivamente" o martes a partir das 06.00 GMT (8.00 da mañá hora española).