Unha fase final da Copa Willi Brinkmann con marcado acento español

Imprimir

A competición que se desenvolverá esta fin de semana en Xenebra (Suíza) contará coa presenza do terceiro (Fuhnpaiin Peraleda), o cuarto (Fundación Grupo Norte) e o sexto clasificado (Aldasa Amfiv) da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas.

O conxunto de Abraham Carrión, se finalmente e como todo parece indicar non sucede ningún inesperado contratempo, emprenderá este xoves ás 6.55 horas a súa viaxe a Xenebra para disputar esta fin de semana en terras suízas a Copa Willi Brinkmann.  Unha fase final, a sexta de forma consecutiva na que participará o Aldasa Amfiv, que gozará dunha participación de altísimo nivel empezando pola representación española. Porque os vigueses non estarán sós nesta cita. O Fuhnpaiin Peraleda toledano, terceiro na División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas, e o Fundación Grupo Norte de Valladolid, cuarto na liga española, acompañarán ao Aldasa no seu periplo por terras helvéticas. De feito, a sorte quixo que, unha vez máis e como xa sucedeu na Copa do Rei, os pucelanos se crucen directamente no camiño do Amfiv. Pero a Copa Willi Brinkmann non será só cousa de españois. Os italianos do Dream Team Taranto, o Hyeres e o Capsaaa galos, os anfitrions do Les Aigles de Meyrin ou a grande incógnita, os israelitas do Beit Halochem Tel Aviv, serán duros rivais e pelexarán con todas as súas forzas para evitar o monopolio español en Xenebra.

Precisamente, a pouca información coa que contan os seus rivais é unha das grandes bazas dalgúns dos participantes para buscar a sorpresa. Así o recoñece o propio técnico do Aldasa, Abraham Carrión, quen explica que "dos israelitas e dos anfitrions apenas puidemos conseguir nada. En principio, todo apunta a que serán os dous rivais máis doados de cada un dos grupos. O que si é seguro é que o Beit Halochem Tel Aviv, como todos os conxuntos do seu país, será duro e guerrilleiro. Os suízos, pola súa banda, son un histórico das competicións continentais e terán ao seu favor o feito de xogar na casa e contar co apoio do seu público".

Les Aigles de Meyrin será un dos rivais directos do Aldasa no Grupo A. Os vigueses coincidirán de novo cun conxunto helvético co que xa compartiron unha fase final desta mesma competición. Foi na Willi Brinkmann que se organizou en Vigo no 2006. Naquela ocasión, o Amfiv logrou o seu primeiro subcampionato continental mentres que os suízos foron sextos.

Outro dos equipos cos que se terán que ver as caras no seu grupo os vigueses será o Capsaaa. Carrión destaca que "segundo a información que conseguimos, é un equipo bastante forte fisicamente e que basea o seu xogo na presión a toda pista durante todo o parte. O cerebro do equipo é Ryadh Sallem, un clase 1 que foi internacional por Francia moitas veces. Ademais contan cun marroquí clase 4 chamado Abdelak e Momo, un 2 rápido e que tira ben de tres puntos".

A Liga francesa presenta nesta fase final da Copa Willi Brinkmann a outro representante, o Hyeres, un conxunto do que o técnico do Aldasa apunta un nome propio. "O Seu xogador máis importante é Boustila, máis coñecido como Yoyo, que foi internacional con Francia en incontables ocasións e ten un grande tiro exterior. É todo un estandarte do baloncesto francés, algo así como Diego de Paz en España. Como é normal, o seu físico minguou co paso dos anos pero a súa calidade segue intacta e sabe aproveitarse dos ocos que deixan as defensas ao intentar paralo para facer mellores os seus compañeiros. Se non lle defendes forte, cóseche dende fóra", analiza Carrión.

A representación transalpina corre a cargo dun Dream Team Taranto que o pasado ano tiña que participar en Vigo na fase final da Copa Willi Brinkmann pero que ao final renunciou por motivos económicos. "Taranto ten a Vincenzo di Bennardo, un clase 3 internacional con Italia que gañou o Europeo este verán en Adana (Turquía). Tamén destaca Jeremy Campbell, un 2,5 americano que foi internacional junior co seu país, xoga de base e é un grande tirador de tres puntos. Iso sen esquecer Jacob Counts, un clase 3,5 internacional absoluto americano moi grande e que xoga interior", apunta o adestrador do Aldasa.

A competición en terras suízas complétase co cuarto e o terceiro clasificado da Liga española, o Fundación Grupo Norte e o Fuhnpaiin Peraleda, respectivamente. "Son dous equipos que coñecemos moi ben despois de ver as caras esta tempada, especialmente co Fundación Grupo Norte, ao que xa nos enfrontamos noutras catro ocasións esta campaña. Os toledanos destacan especialmente polo seu bloque, formando un conxunto aguerrido e loitador que non se rende en ningún momento e mantén sempre un ritmo alto. Mentres, os pucelanos contan con grandes individualidades como o australiano Tristan Knowles, o británico Dan Highcock ou o mexicano Salvador Zavala", finaliza Carrión.

 CADROS (83.26 kB)