Cabecera Vide

O Aldasa Amfiv acadou o subcampionato de Europa na Willi Brinkmann, ao perder diante da súa besta negra

final3O Aldasa Amfiv rematou segundo clasificado da Copa de Europa Willi Brinkmann, a terceira competición continental de baloncesto en cadeira de rodas.

Como en Vigo 2006 con Sando no banco e Tuzla 2008 con Diego Núñez como adestrador, en Meyrin 2010 (Xenebra), baixo a dirección técnica de Abraham Carrión o club vigués quedou sen título europeo. Esta vez perdeu diante do Fundación Grupo Norte de Valladolid (67-100).

Porque o Amfiv, segundo conta o propio club na súa crónica (www.cdamfiv.com) só estivo na final durante catro minutos (6-7). Un parcial de 23-2 para acabar ese primeiro cuarto deixaba o choque moi encarrilado para o Fundación Grupo Norte valisoletano (8-30, min.10).

A ansiedade por aproveitar esta terceira ocasión de levantar a Copa Willi Brinkmann xogoulle unha moi mala pasada aos vigueses, que asinaban unhas porcentaxes de tiro impropios nestes dez minutos iniciais: 3 de 12 para un 25% en tiros de dous puntos, 0 de 7 en triplos e 2 de 8 para un 25% en tiros libres. Unha falta de acerto que contrastaba especialmente coa efectividade valisoletana: 7 de 8 en tiros de dous (87,5%), 2 de 4 en triplos (50%) e 10 de 12 en tiros libres (83,3%). A partires de aí, o encontro estaba visto para sentenza.

Con todo, o mérito dos vigueses é extraordinario: tres finais en cinco tempadas e sete xogadores do equipo de 2010 estaban na finalísima de 2006 (houbo variacións en 2008). Na historia do deporte vigués, e cos clubs náuticos aparte, o único club local que gañou un título europeo por equipos en modalidades olímpicas é o New Balance de atletismo (xa desaparecido), que gañou a Copa de Europa feminina de cros en 1996 (Lanciano, Italia) e 1997 (Newport, Gran Bretaña).