Cabecera Vide

Juan Guerrero, nova fichaxe para a Superliga do CV Vigo, que comezará a súa pretempada en setembro

juanO Club Vigo Voleibol, do programa Siareiros Elite e que na campaña 2010/2011 xogará na Superliga, masculina renovou catro xogadores, sube definitivamente a un xogador do equipo de Segunda División, Borja Covelo, e fichou a Juan Guerrero, do campión de Liga CAI Teruel.

O club que preside Guillermo Touza continuará un ano máis con Flavio Calafell como adestrador á fronte do primeiro conxunto e negocia a fichaxe de Pablo Parga, este pasado ano en Caravaca (Superliga) pero que militou hai dous anos no Vigo, e a continuidade de Mahia e Zayas.

A contratación de Juan Guerrero (El Campillo, Alacante, 1986) é certamente moi importante. De 24 anos, é un receptor de 1,98 metros de altura (pode xogar tamén como líbero) con dúas tempadas de experiencia no conxunto turolense; e no pasado mes de xuño confirmou a súa saída en busca dos minutos necesarios que atopará en Vigo.

Guerrero, internacional absoluto na tempada 2004/2005 ao disputar con España o Campionato de Europa, formouse na concentración permanente de Valencia (1999/2000) para pasar ás categorías inferiores do C.V. Elxe (2000/2001) e á concentración permanente de España xuvenil (2001/2004). Despois daría o salto á Superliga co Elxe (2004/2007), soubo o que é a Superliga 2 ao xogar a Liga 2007/2008 no Cajasol e pasou as dúas últimas no campión ligueiro.

O club vigués comezará os adestramentos o 1 de setembro e Calafell intenta programar unha preparación intensa aproveitando a fortaleza dalgúns equipos portugueses. En principio, o club xogará tres torneos, un en Lisboa (xa fixo), outro no Porto (en conversacións) e o derradeiro en Coia, o Trofeo Cidade de Vigo. Ademais, o Vitoria de Guimaraes, un sexteto fixo en cada verán vigués, disputará un encontro amigable ante os pupilos de Calafell.

A directiva que preside Guillermo Touza, aínda sen patrocinador principal, traballa para saír esta tempada co apoio de varias firmas comerciais. O club comunicou que "existen moitas conversacións" abertas.