O club Vigo, á final do campionato de España de voleibol xuvenil

Imprimir

club_vigoMañá, mércores, a partir das nove da mañá, comeza o Campionato de España de voleibol xuvenil masculino que se celebrará en Badajoz. A este acontecemento acode o Club Vigo en representación de Galicia como campión nesta disciplina. Xa son moitos os anos que os novos xogadores vigueses, froito da canteira, veñen representando á nosa cidade nun acontecemento desta natureza e sobre todo facéndoo moi ben.

Nesta ocasión ten mais posibilidades que en anos anteriores toda vez que a maioría deles veñen de disputar moitos partidos en superliga o que lles dá unha motivación maior para afrontar compromisos mais importantes. O grupo de catro equipos que comezan a competición, onde están os vigueses, é moi forte e deberán loitar moito para pasar á seguinte fase. No grupo están representados catro equipos de superliga e non son precisamente dos de menos nivel. Desta forma, o primeiro enfrontamento, será contra un dos favoritos, o Unicaja Almería. A continuación deberán enfrontarse ao Andorra, para pechar esta primeira fase mañá, mércores, contra Numancia de Soria.

Os xogadores vigueses están comandados por dous técnicos da casa de toda a Jesús Penedo e Yolanda Sienes, e que veñen traballando coa canteira, que este ano dá os seus froitos, e que ninguén dubida que foron a base do equipo de máxima categoría esta tempada e posiblemente os que leven a este equipo a máximas cotas deste deporte na nosa cidade.

Todos eles se desprazaron coa máxima ilusión e coa mente posta en facelo o mellor posible. Son coñecedores das dificultades de enfrontarse con equipos que forman unha estrutura, con xuvenís, coma se de profesionais fose, pero loitarán para facer fronte a este tipo de situacións. Estarán a disputar as respectivas fases ata o sábado pola mañá e se estivesen clasificados entre os oito primeiros da competición, acoden 24 equipos de toda España, disputarían o seu último encontro o sábado pola tarde. O domingo soamente disputarían os catro primeiros postos.