Cabecera Vide

Malia perder, bo partido do Vigo Voleibol

O Vigo Voleibol caeu derrotado por 2-3 ante o Llars Mundet no pavillón de Coia. Foi unha pena que se perdese este encontro, xa que, nunca se estivo tan preto da vitoria ante un dos primeiros clasificados desta competición, segundo, e que estivo nos dous primeiros sets a mercede dos vigueses que se viñeron abaixo a partir do terceiro.

Grazas ao baixón local e, sobre todo, á experiencia e veteranía dos visitantes, os dous puntos fóronse para Cataluña. En Vigo quedou un punto que podería saber mellor se fose cunha vitoria, aínda que se nota que cada xornada que pasa os vigueses se van achegando mais ao seu mellor rendemento.

O encontro comezou con moitas igualadas no marcador pero os visitantes foron os primeiros que marcharon tres puntos 7-10. A partir dese momento a reacción local non se fixo esperar e conseguiron igualar o marcador con empate a 18 puntos. A partir dese momento foron os vigueses os que se puxeron por diante e non o abandonaron ata finalizar o set.

O segundo tivo unha marcha similar ao anterior aínda que nesta ocasión foron os vigueses os que sempre estiveron por diante no marcador que o acomodaron cando se puxeron con catro puntos de diferenza 19-15 que lles deron a suficiente tranquilidade como para finalizar o set.

Cando todos esperaban que o terceiro fose o definitivo, foi cando o conxunto local se veu abaixo. Comezaron os erros e ninguén quería coller a responsabilidade de finalizar os puntos. Todos tiñan o brazo encollido e soamente dous xogadores seguían tirando polo resto. Isto fixo que os técnicos vigueses fixesen varios cambios para poder atopar unha solución aos problemas que xurdían. Non foi así e os visitantes gañaron o set con facilidade.

O cuarto foi moi similar ao anterior, xa que, os visitantes en ningún momento baixaron o ritmo de xogo e os que ían desaparecendo eran os locais. Os erros afloraban co que os visitantes seguían sumando baseándose nos erros cometidos polos locais. De forma similar ao set anterior finalizou este cuarto.

O quinto e definitivo, set da sorte, serviu para que o conxunto visitante tirase de experiencia e saber estar no campo para levar o set e o partido, tamén con bastantes erros dos locais.

En definitiva, puidose ver un encontro moi bonito e disputado, sobre todo nos dous primeiros sets, pero que foi unha pena que non se puidese pechar o encontro cun 3-0. Conséguese un punto, que se suma aos dez que xa tiñan os vigueses, e iso os fai poder ir mais tranquilos á visita que teñen que facer a próxima fin de semana a Melilla, terceiro clasificado.