O Vigo Stick inscribiuse na OK Liga Feminina 2011/2012 e coñecerá o calendario o vindeiro día 21

Imprimir

vigostickNovo equipo na elite. O Vigo Stick, club que preside Quique Urdiales, confirmou hoxe mesmo á Federación Española de Patinaxe que disputará a OK Liga Feminina por segunda tempada consecutiva.

O campionato comezará o 15 de outubro deste ano e rematará o 2 de xuño de 2012. Haberá tres descensos e a Copa da Raíña, para catro equipos, xogarase o 11 e 12 de febreiro. O sorteo do calendario, o vindeiro día 21 en Barcelona.

A Liga 10/11 rematou co descenso do conxunto vigués e o Noia Freixenet, pero o club inscribiu para o ascenso ao seu segundo equipo, e o Comité Nacional de Hóckey Patíns aprobou o pasado día 21 os tres novos ascensos procedentes das Territoriais, é dicir, o Vigo Stick B (Galicia), o Claret de Sevilla (Andalucía) e o Palau de Plegamans (Cataluña). A Liga será de catorce equipos para a tempada 2011/2012, anulándose así a xornada de descanso da campaña anterior, de 13 conxuntos.

O club olívico presentou onte a documentación e cubriu en tempo e forma os requisitos esixidos pola FEP. Cataluña será de novo o destino ao que máis viaxarán as xogadoras, que tamén irá a Asturias (Biesca Xixón), Madrid (C.P. Alcorcón) e Andalucía (C.P. Claret Sevilla). Mentres, o equipo masculino da entidade, Vigo Stick Traviesas, que finalizou terceiro a Liga Galega, continuará nesa categoría.

A vindeira tempada, o deporte feminino de equipo terá tres representantes locais en máxima categoría: o Celta Bosco (baloncesto), El Olivo Novacaixagalicia (fútbol) e o Vigo Stick (hóckey a patíns).