O Toshiba Vigo Stick muda obxectivos e loitará pola permanencia

Imprimir

roldaprensavigostickO Toshiba Vigo Stick xogará esta tempada por evitar o descenso. Así o anunciou o seu vicepresidente executivo e adestrador, Enrique Urdiales, en rolda de prensa na Fundación VIDE. O motivo do cambio de metas débese a que “algunhas expectativas de patrocinio non se concretaron”, o que situou ao club con unicamente “o 70% do orzamento cuberto e amoldándose ás datas de cobro do patrocinador e das subvencións institucionais”. A crise económica tamén afectou ao Vigo Stick 2001 e iso supuxo a saída de cinco xogadores, a coñecida días atrás de Pere, Marcelo Uribe e Nicolás Fernández e a inmediata de Josama Alén e Mauri Cairo.

Urdiales reuniuse cos xogadores para contarlles a nova situación e cada un tomou as súas propias decisións. “Parecíame inmoral aguantar ata febreiro ou marzo e logo dicirlle aos xogadores que xa non hai un duro”. Con esta medida, cada quen puido asegurar o seu futuro noutros equipos de fóra ou fichar a partir de Nadal. A directiva do Vigo Stick cre que “fomos transparentes aínda que se cadra isto cústanos a categoría”. O caso de Alén é diferente: “Viño case para rematar a súa carreira deportiva aquí e vaise, pero non é un tema económico, senón de obxectivos. Hai xogadores que estaban para abordar un proxecto gañador e rendeu o desánimo”, di Urdiales.

O vicepresidente, acompañado por Marta González, presidenta do Traviesas (categorías base do Vigo Stick e histórico club que cumpriu 40 anos do seu refundación en 2009) e por Miguel Marín, secretario do club, asegurou que “imos seguir xogando ata o final”. A marcha de tanto bo xogador tamén mellorou as perspectivas económicas do club (“estas baixas equilibran o orzamento”), que agora tirará da canteira aínda que realice algunha fichaxe para intentar non baixar.

O vicepresidente tamén asegurou que grazas á entrada de Míchel Salgado como presidente a situación mellorou moito. “Cando chegou tiñamos unha situación bastante peor que a que temos agora”. De feito, o patrocinador principal e dúas empresas máis chegaron da súa man. Urdiales quixo matizar que “non se pode ver a Míchel como un Rei Midas, senón como un activo máis do club que o que fixo é axudarnos”.