Vitoria do Magope, Las Cinco Jotas, El Olivo e Mosteiro fronte á derrota do Octavio, Celta Zorka, Vigo, Xuvenil e Blusens

Imprimir

vigo rugby zarauzO Academia Octavio encaixou a súa décima derrota (15-25). Os vigueses caeron nas Travesas ante Palma de Río, nun partido cunha primeira parte igualada (9-9) pero onde se afundiu na segunda metade pola súa incapacidade ofensiva. Esta fin de semana viaxa a Barcelona para enfrontarse ao Lassa.

Las Cinco Jotas UB Lavadores, conseguiu unha importante vitoria na cancha do último, o Poio Artai (23-29). Os vigueses dominaron durante todo o encontro. Esta semana reciben ao Acanor At. Novas. O partido será o sábado 12, ás 18.30 h. no Pavillón de Lavadores.

E o outro equipo Siareiro elite de balonmán, o Magope Balonmán Seis do Nadal-Coia, venceu tamén a domicilio ante o Servi-Auto (22-25), que tras un grande inicio de encontro ante os vigueses, acabaron perdendo. Este fin de semana, os de Coia, reciben ao Embutidos Lalinense-BM Lalín, o encontro será o sábado 12, ás 18.30 h. no Pavillón de Coia.

Peor sorte correron as rapazas do Celta Zorka, que caeron ante o Arxil no derbi en Navia (38-54). O equipo que dirixe Cristina Cantero, que segue sen atopar a vitoria na casa, estivo mal en defensa con excesivas perdas. Cristina Loureiro, con 15 puntos, volveu ser a mellor anotadora por parte do equipo vigués. A próxima xornada viaxará a terras vascas para enfrontarse ao Gdko Ibaizabal.

Os rapaces do Club Vigo Voleibol perderon ante o Barcelona (1-3) nun partido onde os vigueses, oitavos na táboa, plantáronlle cara aos visitantes, terceiros na clasificación. A próxima fin de semana, desprázanse a Badajoz para disputar o seu encontro contra o Club Pacense Voleibol.

O voleibol feminino tampouco tivo sorte. O C.V. Xuvenil Teis caeu ante o Zalaeta por un xusto 3-0 para as coruñesas. O enfrontamento dos dous equipos galegos pechou a primeira volta da Superliga2 feminina. Os parciais deixaron clara a experiencia das xogadoras de Zalaeta ante a xuventude das viguesas. A próxima xornada as de Teis enfrontaranse ao Emevé a domicilio.

O Blusens Networks Universidade de Vigo tróuxose un valioso punto bonus no seu desprazamento ao País Vasco. Caeron derrotados por 43-29 ante un dos líderes destacados da competición, o Babyauto Zarautz Rugby Taldea, que esta tempada fixo unha forte aposta para pelexar por un posto no ascenso á máxima categoría. Esta semana, xogarase o último partido da primeira volta, os vigueses recibirán o sábado ás 16 h. en As Lagoas, ao Real Oviedo Rugby.

Pola súa banda, o Mosteiro Bembrive reatopouse coa vitoria o sábado ao gañar ao Salga Ourense 2014 (7-3), conxunto recén ascendido á segunda B de fútbol sala. Os de Pitu, volveron contar con Mario García e Morgade, despois das súas prolongadas sancións. Esta fin de semana viaxarán a terras zamoranas para enfrontarse ao Benavente FS.

E para rematar, as rapazas de El Olivo recibían ao Orzán e non defraudaron, venceron en Navia por un claro 4-0, aínda que tiveron máis problemas dos previstos. As viguesas xogarán a próxima xornada ante o EF Mareo "A" a domicilio.

A fotografía corresponde ao encontro Zarauz-Blusens do pasado sábado.