Cabecera Vide

El Olivo-Tacuense, o 8 de maio en Navia para a fase de ascenso

374olivo2El Olivo Novacaixagalicia disputará a fase de ascenso á Superliga feminina de fútbol ante o Unión Deportiva Tacuense e o Girona FC, campión do grupo canario (VI) e subcampión do grupo mediterráneo (III), respectivamente.

O domingo, as de Edu González golearon ao León en Navia (4-0) e acadaron o título no grupo II de Primeira Nacional.

No sorteo celebrado onte na RFEF, ao conxunto vigués tocoulle xusto o rival que non quería e co partido decisivo en Cataluña, pero polo menos será na xornada final.

O bombo deparou que o primeiro encontro se xogue en Canarias entre o Tacuense e o Girona o 1 de maio. Na xornada 2, El Olivo recibirá no Pahiño ao conxunto insular o domingo 8 de maio. O 15 de maio, en Fontajau, decisivo Girona-El Olivo. O campión do grupo ascende.

O conxunto galego, que disputa a súa segunda fase trala de 2008, non perde en competición oficial dende a tempada pasada (2-1 ante o Pontevedra na Xunqueira o 21.03.2010) e na casa leva máis dun ano sen perder (1-2 ante o Mareo xixonés o 7.03.2010).

O Municipal Manuel Fernández "Pahiño" viu xa doce partidos das viguesas dende o 3 de outubro pasado. O balance é incrible: doce vitorias, ningún punto perdido, 41 goles a favor e catro en contra.

Dos tres equipos deste grupo B de ascenso, só o vigués chega sen perder partido. O once da localidade de Taco (La Laguna) rematou a competición hai tres semanas e logrou o seu obxectivo na derradeira xornada ao vencer por 1-0 ao que chegaba líder, o Femarguín, que nos dous meses finais cedeu os cinco puntos de vantaxe que tiña. O Girona conseguiu o seu pase matemático tamén na xornada final. Necesitaba un empate e goleou (6-0) ao seu adversario, o pechacancelas PBB La Roca. Entrou no bombo porque o líder, Espanyol B, ten ao seu primeiro equipo xa na Superliga.

Para o inicio da serie, El Olivo Novacaixagalicia non ten problemas de tarxetas e disporá das súas internacionais sub 17 (a porteira Carlota Zabaleta) e sub 19 (a centrocampista Ana Buceta). Os seus rivais non teñen a día de hoxe ningunha internacional nas súas filas.