david22Excelente noticia para o deporte vigués. O Universidade de Vigo terá novo patrocinador principal para a tempada 2010-2011. Iveco, firma do mundo do transporte, é a elixida.

Tras dous anos coa empresa Ednon sendo apelido do club local de rugby, agora toma Iveco a testemuña durante unha tempada.

Así, os equipos senior masculinos denominaranse Iveco Universidade de Vigo. Iveco está moi vinculada ao deporte de elite co seu apoio ao Juventus de Turín (fútbol), a Escuadra Ferrari (automobilismo), o equipo Fiat-Yamaha (motociclismo) e os "All Blacks", a selección de Nova Zelandia (rugby).

O acordo con Iveco España foi froito dunha xestión planificada que comezou co patrocinio ao club do concesionario oficial na provincia, Iveco Inturasa.

A chegada do novo adestrador, o galego David Monreal (na imaxe), está dando os seus primeiros froitos en canto a fichaxes. O primeiro deles é Óscar Ferreres, primeira liña de 100 quilos e 1,85 metros que estaba xogando no RC L´Hospitalet. Ferreres foi internacional absoluto con España, debutando en 2007, ademais de ser convocado polo XV do León en todas as categorías de formación.

Con Monreal tamén virán de Nova Zelandia dous xogadores máis, un de 34 anos e ex internacional cos "All Blacks", que gañou o Super 14, a liga dos tres países máis fortes do Hemisferio Sur (Sudáfrica, Australia e Nova Zelandia), e a ITM Cup, o campionato de Nova Zelandia, e o outro un mozo sub 20 que se acaba de proclamar en Arxentina campión do mundo junior coa súa selección.