O Iveco Universidade gana 0 a 62 ao Uribealdea vasco

Imprimir

foto equipoO Iveco Universidade volve gañar contundentemente, esta vez ao Uribealdea en Munguía ante un público moi deportivo que rematou aplaudindo as boas xogadas do equipo vigués. O resultado final foi de 0 a 62 con 10 ensaios apoiados aos que se sumaron 6 conversións e conseguindo punto bonus.

O resultado final aínda que contundente, non reflicte a oposición realizada polo equipo vasco, que como esperaba loitou todo o partido. Pola contra o Iveco Universidade xogou un partido soberbio, cun xogo moi dinámico con apoios permanentes, o que lle permitía dar continuidade ao seu xogo ata que rompía a defensa local. O dominio foi de principio a fin do conxunto vigués.

Os 10 ensaios do partido foron apoiados por Riki Tukaki (3), que volvía á titularidad logo de descansar a pasada xornada, Carlos de Cabo (2), Cameron Eyre "Bubba", Adrián Fernández, Gonzalo Valencia, Clovis Degorce e Gustavo Gainzarain. As 6 conversións estiveron a cargo de Jon Arrizabalaga.

O Iveco Universidade espera agora en Lagoas Marcosende ao FC Barcelona, no que será seguramente o partido máis importante da tempada, xa que o gañador disputará a fase de ascenso á División de Honra a partido de ida e volta ante o CRC Madrid ou ante Les Abelles, líderes do Grupo II da División de Honra B. Para o próximo domingo 30 de xaneiro ás 12.00 h espera unha grande afluencia de público no campo do CUVI.

O FC Barcelona a punto estivo de perder o seu partido da fin de semana ante BUC no do barcelonés xa que gañou por un punto cun ensaio no último minuto con resultado final de 18 a 17. O Getxo xa é virtual campión tras gañar a Oviedo por 5 a 23, mentres que Durango deu a sorpresa ante Hernani gañando por 29 a 20.

Lidera Getxo con 52 puntos, séguelle FC Barcelona con 47, recórtalles 1 punto polo bonus o Iveco Universidade con 46, séguenlles Hernani con 35, Oviedo con 34, Durango con 21 e pechan BUC con 16 e Uribealdea con 4.

A este triunfo hai que sumar que todas as categorías do Vigo Rugby Club que xogaron esta fin de semana os seus respectivos partidos de Liga Galega gañaron: Infantís, Cadetes, Xuvenís e Feminino.

IVECO UNIVERSIDADE VIGO R.C.: Ignacio Román, Oscar Ferreras, Gustavo Gainzarain; Adrián González, José María Fernández ©; Clovis Degorce, Francisco Usero e Cameron Eyre; Joaquín Maguna, Jon Arrizabalaga; Carlos Blanco, Carlos de Cabo; Gonzalo Valencia e Jon Iker Arraztoa; Riki Tukaki.

Ingresaron: Vicente Prieto, Juan Manuel Rodríguez, Mateo de la Fuente, Guillermo Vázquez e Juan Pablo Macedo.

Suplentes: David Monreal e Alberto Mera.

Adestradores: David Monreal e Norman Maxwell

Campo: ATXURIZURI (MUNGUIA)

Árbitro: GINSHON (Madrid)